Asalto á casa-refuxio de Atocha Alta, 55
O 10 de xullo de 1937 ao redor das 00:30h a Brigada de servicios especiais da Garda Civil cercou os edificios sitos na rúa Atocha Alta 55 e Travesía de Atocha 50 –separados por un pequeno patio– coa intención de realizar un rexistro policial no primeiro destes edificios, xa que recibiran un aviso de que nela estabase a celebrar unha reunión clandestina. A inquilina da vivenda que ocupaba o primeiro andar era María Otero González, viúva de 33 anos, que participaba activamente nas labores de reorganización da FAI coruñesa tra-la caida da cidade baixo o control das tropas golpistas un ano antes, servindo como enlace entre diferentes núcleos e militantes anarquistas. María puxera ademáis a súa casa ao servizo da rede de resistencia, agochando nela aos compañeiros Fernando Caamaño Pérez, Carlos Miguel Pérez, Jesús Rodríguez, José González e Rogelio González, que estaban en búsqueda por parte das novas autoridades sublevadas, así como prestándoa como lugar de reunión.
Cara ás 2 da madrugada, a Garda Civil petou na porta de María Otero, sen obter resposta. O sarxento Fernández Garea ordenou entón derrubar a porta. Segundo o informe policial, asinado polo xefe de Servicios especiais da Garda Civil, Manuel Santos Otero. Causa 992/37 do Tribunal Militar de la Región Noroeste, os anarquistas comezaron a disparar contra as autoridades con armas de lume mentres entonaban himnos revolucionarias e vivas á anarquía e ao comunismo. Ao redor das 3 da madrugada o operativo da Garda Civil –ao que se sumaran tropas de Infantería e Intendencia, corpos de vixilancia e milicias de Falange– remataba co resultado de 4 mortos, un ferido e dous detidos, así como a incautación de varias pistolas e unha bomba de man. Os mortos, ademáis da propia María Otero, foron Fernando Caamaño, anarcosindicalista e repartidor de xornais de 22 anos de idade; Carlos Miguel Pérez (Carlos Míguez Díaz, segundo outro informe [causa 1007/37, do mazo 49, Tribunal Militar de la Región Noroeste]), co alcume de “Moreno”, peón de profesión e tamén anarcosindicalista de 25 anos; Jesús Rodríguez “Chucho”, militante das Juventudes Libertarias de 20 anos. O camareiro Rogelio González –segundo o informe policial, comunista de 22 anos de idade– e dous nenos resultaron feridos. Pola súa parte José González, secretario do comité local da FAI, de 25 anos, e Manuel Blasco Naya, de 42 anos, foron detidos. Pola banda das tropas de asalto resultaron dous gardas contusionados e o médico agregado ferido nun músculo.
Esa mesma noite José González foi sometido a un interrogatorio no que, segundo o informe da Garda Civil, este recoñeceu ser autor, xunto a Antonio Fournerakis “El viejo”, dun manifesto dirixido aos elementos da FAI para a súa reorganización na cidade. Ademáis informou de que o mesmo Fournerakis, xunto a Julio Acebedo e outros, estaban refuxiados na casa da que era inquilina Alicia Dorado, no segundo piso do nº6 da Rúa do Carme, que tamén asaltaría a Garda Civil a mesama tarde do día 10 de xullo, producindo a morte dos tres anteriores, ademáis de José Valeiro Caramés.
Precedentes
Dende a caida da Coruña baixo control dos militares sublevados o 18 de xullo de 1936, os grupos libertarios emprenderan varios intentos de reorganización das súas redes. O obxectivo destes grupos era levar a cabo accións insurreccionais, as cales foron frustradas polas novas autoridades, así coma coordinar por medio do Despertar Marítimo –antigo sindicato marítimo da CNT– unha serie de fuxidas polo mar cara a Asturias, para incorporarse á fronte republicana, ou cara o exilio en Francia. Un dos intentos máis ambiciosos na reorganización libertaria foi o levado a cabo polo ex contador da Federación Local de Grupos Anarquistas da FAI, José González e o anarquista arxentino de orixe grega Antonio Fournerakis “El viejo”. Estes dous homes «conseguiron tecer unha malla de resistentes antifascistas, que agochados en diversos domicilios da cidade, agardaban calquer movimento para incorporarse coas armas á loita frontal contra o enemigo. Unha malla de grupos que era sostida maioritariamente por mulleres coruñesas (…) que lles proporcionaban agocho, comida e realizaban o contacto entre as persoas agachadas» (Fernández e Pereira, 2007)
Nesta rede infiltrouse o 4 de maio de 1937 un topo da Brigada Especial, excapitán da Falange de Valladolid e colaborador do Estado Mayor en servicios especiais que, co nome falso de José Fernández, contactou con José Brandariz. Brandariz era un coñecido militante da Federación Local Obrera, que se enfrontara polas armas contra os sublevados nos primeiros días do alzamento militar, e levaba agochado dende entón. O topo presentouse ante Brandariz como enlace en Galiza dun suposto Comité Central de Barcelona [vinculado á CNT catalá] que estaba a organizar a insurrección no territorio dominado polas tropas nacionais. A súa misión era organizar un complot na Coruña, fin para o cal o suposto Comité Central estaba en disposición de facer un desembarco de armas por medio dun submarino, coa protección de barcos de guerra franceses.
Co pretexto da necesidade dunha listaxe de todo-los elementos activos na cidade, susceptibles de ser postos a disposición da insurrección, Brandariz non só puxo á disposición do topo todo o seu coñecemento sobre a estrutura da rede, senón que tamén deulle acceso a ela, poñéndoo en contacto cos militantes máis destacados da cidade. Esta rede, segundo Brandariz, contaría con axentes de enlace introducidos entre persoal dos hospitais, o exército e o corpo de carabineros, co apoio de certas persoas con influencia económica e social, ademáis de ter agochados ao redor de 2000 perseguidos polas autoridades.
A infiltración do topo, que é rexistrada nunha serie de reportes –coñecidos como O informe Brandariz3– que entrega diariamente aos seus superiores da Garda Civil coa sinatura en clave 3-2-1, chega á súa fin o 18 de xuño de 1937, cando tras entrar en contacto con Jaime Baella –un destacado membro da FLO, do que se fixera correr o rumor de que morrera na defensa da cidade en xuño de 1936– este sospeita do topo. O último informe de 3-2-1 asínase o 21 de xuño.
Tra-la caida de Atocha Alta 55
A caida das casas-refuxio de Atocha Alta 55 e rúa do Carme 6 foi o primeiro e máis contundente paso cara á desarticulación da rede de resistencia da FAI-CNT na cidade. As pesquisas realizadas polas autoridades golpistas conduciron ás casas-refuxio de Matadoiro, 34 o 13 de xullo, e de Atocha Alta, 2 o 18 de xullo, as cales tamén foron asaltadas, así como a decenas de militantes dos diversos grupos anarquistas, que foron detidos. Estes militantes foron sometidos a interrogatorios e torturas, e moitos deles executados en aplicación da lei de fugas. Tal foi o caso de José Torres Regueira que tras producirse o asalto á casa-refuxio de Atocha Alta 55, e encontrándose agochado nunha casa cercana ao lugar, acudiu a resguardarse á fonda da familia de Alejandro Basilio Palacios en Santa Catalina, nº30, 4º piso. Segundo se desprende dos interrogatorios a Alejandro B. Palacios [1 e 2] e á súa esposa María Seijas, Torres levaba consigo unha pistola ao chegar á fonda, a cal sería posteriormente levada aos peiraos portuarios polos fillos máis pequenos da parella, co fin de desfacerse dela. Torres permaneceu na fonda dos Palacios ata o 15 de xullo, día en que a Garda Civil asaltou a vivenda, detendo a ambos e levándoos ao calabozo da Garda Civil, onde foron interrogados e torturados. Ese mesmo día José Torres foi asasinado nas inmediacións do cárcere, cando eran conducidos pola estrada cara á prisión provincial. Segundo as autoridades Torres tratara de fugarse. A mesma sorte correu Alejandro Basilio Palacios tres días despois, e moitos outros en días posteriores nas inmediacións de Punta Herminia, Matadoiro, Polvorín e Durmideiras. O resto de detidos foron sometidos a un consello de guerra [causa 1007 de 1937] por intento de sublevación. O tribunal pronunciouse o 30 de outubro de 1937, condeando a penas de morte e cárcere a todos eles, sendo executados sete anarquistas o 9 de marzo de 1938 nas inmediacións do Polvorín de Durmideiras.
O espazo urbano: Labirinto das Atochas
As Atochas xurdiron no século XVIII coma un conxunto de vivendas e terras de labradío que conformaban unha pequena aldea extramuros. A progresiva instalación na península da Torre de Hércules dunha serie de industrias e cuarteis, así como o derrubo das antigas murallas da cidade no ano 1850, deron pé á súa conformación como barrio residencial obreiro, que acolleu a boa parte dos traballadores migrantes que acudiron á Coruña dende outras vilas e lugares do país.
A proletarización desta periferia da cidade reflectiuse tanto urbanística como social e políticamente. No primeiro eido o crecemento urbanístico non planificado e as súas formas orgánicas, así como a proliferación de “casas terrenas” –unha tipoloxía de vivenda obreira barata propia da Coruña– derivou na denominación do barrio como Labirinto de Atocha, que aparece en numerosos documentos censais e actas municipais do século XIX. Esta elocuente denominación da forma urbana expresa a confusión dende a que a cidade institucional observa a cidade obreira. Dende unha perspectiva política o movemento obreiro non só fundou nesta periferia urbana unha serie de ateneos libertarios e centros culturais obreiros, senón que tamén comezou un proceso de denuncia da situación do barrio, que calificou coma «foco de infección, morada predilecta del bacilo de Kock, tifus y demás enfermedades infecciosas» e as súas vivendas como «verdaderas cuevas, pese a la escrupulosa limpieza que sus habitantes realizan en las mismas» (La Calle, nº5, p.2, 30/3/1936), reclamando ao concello que investira na mellora deste entorno. Pero o movemento obreiro non se detivo na denuncia, e o problema da vivenda tivo resposta activa en forma de diferentes proxectos de cooperativa de vivenda, como o da cidade obreira Concepción Arenal, que non chegarían a materializarse polo estourido da guerra civil.
Nos anos 40, xa baixo o Réxime franquista, comeza unha complexa operación de reforma interior do Labirinto das Atochas, cunha clara intencionalidade de xerar negocio inmobiliario, o cal reflíctese no planeamento de sustitución das vivendas obreiras por edificacións de maior altura. Neste novo contexto, no que a poboación obreira é mero obxecto pasivo das políticas públicas e xa non axente colectivo con capacidade de acción política, o Plan de Aliñacións de 1948 idea unha praza que sustituiría a mazá onde se sitúa o nº55 de Atocha Alta. O planeamento desta praza non se consolidaría ata décadas despois, no PXOM do ano 1981 (aprobado en 1985), e non sería finalmente executado ata o ano 2007, coa expropiación dos terreos correspondentes á actual praza Cántigas da Terra. Na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local na que se aprobou esta expropiación o voceiro do goberno local referiuse a este espazo urbano como o tapón das Atochas. É significativo este cambio de denominación por parte da institución municipal que avanza dunha visión complexa e confusa do espazo urbano (labirinto) a outra que sitúa o reducto de casas obreiras que perduran no barrio como problema, como obstáculo a eliminar (tapón).
Finalmente a mazá foi derruida no ano 2013, e con ela a vivenda do nº55 de Atocha Alta onde estivera a casa-refuxio de María Otero. A praza Cántigas da Terra levantouse no seu lugar. Rodeando esta praza ainda sobreviven algunhas “casas terrenas”, pero a pertenza de todas elas a un polígono urbano propiedade dun fondo inmobiliario cuxa intención é derrubalas para redeseñar o rueiro e construir vivendas de nova planta e 6 alturas, ameaza o último reducto do patrimonio material obreiro deste barrio.