Campo da Rata

No espazo da península da Torre que comprende entre a Batería de Costa (Punta Herminia) e a Batería de Pradeiras (Campo da Rata) despregouse, a partir do 25 de xullo de 1936 e ata o 1 de abril de 1939, a operación higiene social –tal foi a denominación empregada polas novas autoridades sublevadas– que rematou coa vida de máis de 200 militantes do movemento obreiro e republicano. Estes homes, considerados “inimigos de España”, regaron os campos da península da torre de Hércules co seu sangue, tras ser sometidos a fusilamento oficial ou “paseados” para-oficialmente (Lamela, 2006).

O lugar da execución pública

O Campo da Rata foi inaugurado como lugar de morte tan só un días despois do levantamento militar, cando se convertiu no escenario de execución das principais autoridades republicanas locais: O gobernador civil, Francisco Pérez Carballo, o alcalde da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín, os mandos do exército que permaneceran fieis á República, como o comandante Quesada e o capitán Tejero, entre outros moitos. Estes crimes, ainda fora de calquera marco xurídico, sinalaron o lugar que se convertiría no espazo predilecto para levar a cabo a execución oficial, un proceso desenvolvido dentro do marco xurídico militar dos sublevados e que, polo tanto, contaba cun protocolo específico. O proceso comezaba cun consello de guerra ou xuizo sumarísimo, tra-lo que o reo era conducido ao Campo da Rata. Alí o agardaba un pelotón de fusilamento acompañado por dous testigos falanxistas e un sacerdote, comitiva mortuoria coa que buscábase investir ao acto de certa solemnidade. Tra-lo disparo dos fusís, un xuiz instructor ordenaba levantar acta de defunción, e acto seguido os corpos inertes eran levados ao cemiterio de Santo Amaro para atopar anónima sepultura (Lamela, 2002).

Este proceso tomaría en ocasións a forma de espectáculo público, cuxa intención manifesta era a de exemplarizar e ameazar calqueira atisbo de resistencia ante as novas autoridades. Así, pese a que polo habitual, as execucións levábanse a cabo ben entrada a madrugada, noutras ocasións celebráronse a plena luz do día e con todo-los fastos da oficialidade, coma se dunha cerimonia civil ou relixiosa se tratase. Quizáis o caso máis manifesto desta construción performativa do lugar de morte ocurriu o 23 de outubro de 1936, cando foron fusilados no Campo da Rata os 8 soldados acusados de se levantar no cuartel de Atochas contra a nova oficialidade. Acto que o tamén soldado, José Sáez, inmortalizaría sacando unha fotografía clandestina dende a distancia:

Segundo as crónicas da época este fusilamento convertiuse nun verdadeiro espectáculo, cunha enorme concorrencia de público, ata o punto de escandalizar ás autoridades fascistas que no futuro solicitarían que as familias non acudiran con cativos ás execucións. Para a ocasión montouse un palco de autoridades, engalanado con todo o boato, unha banda de música militar, e unha audiencia activa que aplaudiu a intervención do pelotón de fusilamento.

Pero o Campo da Rata foi tamén escenario da execución para-oficial. Neste lugar apareceron moreas de corpos sen vida de militantes obreiros e libertarios, fruto da razzia fascista. Para tal fin creárase un tribunal invisible que dictou sentencias fora incluso do marco xurídico militar golpista, con fin de sacar a certos presos da cadea e “pasealos” nas inmediacións do cárcere. A sentencia ilegal era executada pola patrulla del amanecer, formadas por membros da Garda Civil, a Falange, e a milicia dos Caballeros de La Coruña (Lamela, 2006). Os cadáveres dos “paseados”, que aparecían ao amencer en diversos puntos da península da Torre, servían como marcadores de morte, como fitos que impregnaban simbólicamente estes sitios convertidos en lugares de morte para aleccionar e advertir das consecuencias da disidencia política. Unha das primeiras manifestacións deste tipo produciuse tra-la folga xeral indefinida decretada polos traballadores da cidade unha vez esta caera baixo dominio do bando sublevado, en xullo de 1936. Segundo a crónica publicada anónimamente –e atribuida ao pintor Luis Seoane– en Francia no ano 1938 co título La Galice sous la botte de Franco, aos poucos dís de ser decretada esta folga apareceu en La Voz de Galicia un manifesto asinado por cinco destacados sindicalistas -José Quintas Peña e Juan Sabio Sanmartín (da UGT) e Francisco Ballón Pequeño e Jaime Rodríguez García e Cipriano Albite (da CNT)- no que instaban aos seus compañeiros a reincorporarse ao traballo. A estes cinco obreiros, que estaban presos no cárcere, fóralles esixido que convenceran aos seus compañeiros e, pese a ter asinado aquel manifesto, os cinco apareceron mortos no Campo da Rata o 14 de agosto, ao día seguinte de ser publicado.

No Campo da Rata executarían tamén a varios membros das Juventudes Libertarias, que como o membro do grupo Nervio, Manuel Pallares, serían fusilados tras tomar parte parte nalgunha das intentonas insurreccionais producidas nos cuarteis coruñeses que se sucederían entre outono de 1936 e mediados do ano 1937. Sobre estes episodios de terror publicaríase un artigo no xornal Galicia Libre –órgano dos anarquistas galegos no exilio– asinado co pseudónimo Hércules e escrito polo militante libertario herculino Luis Chamorro, no que se podía ler:

«Gesto magnífico de aquella juventud rebelde que al grito de viva la Anarquía y el Comunismo Libertario, el Socialismo y el Frente Popular caían ametrallados por las balas fascistas (…) ¡¡Campo de la Rata!! ¡¡Puente del Pasaje!! Sois testigos mudos del sufrimiento de nuestros hermanos y hermanas, habeis presenciado todas las madrugadas la tortura infame, el martirio cruel y visteis cómo nuestros galeotes de la libertad caían vilmente asesinados» (Galicia Libre, 30/10/1937)

A península da Torre como xeografía do terror

Na península da Torres despregouse una verdadeira xeografía do terror fascista, unha intrincada maquinaria da represión que tiña na prisión provincial o seu centro. Lugar de concentración e castigo da disidencia política, espazo de torturas e humillacións, o cárcere foi a zona cero da represión franquista. Pero na súa construción como lugar de represión foron indispensables os lugares de morte oficial do Campo da Rata e de Punta Herminia, dende onde os estruendos dos fusís ao amencer resonaban ata chegar ao cárcere, recordando aos presos políticos cal era o seu fatal destino, e advertindo aos veciños da cidade –ou alo menos aos do cercano barrio obreiro das Atochas– das consecuencias da disidencia política. Escenario de terror que era completado polos múltiples lugares de morte para-oficial, como o Polvorín, a Praia das Lapas, ou a Canteira do Matadoiro, onde case que a diario aparecían cadáveres de militantes “paseados”.

Toda esta parafernalia da represión chegou á súa fin no ano 1939, data a partir da cal a vitoria do bando sublevado xa era total, e polo tanto a exhibición de crueldade pública deixou de ser funcional. Dende entón abandonáronse os lugares de morte que se tiveran despregado ao longo da península da torre, os cales seguiron vivos por décadas no recordo dos veciños, familiares e militantes antifranquistas da cidade. Estes lugares de morte fundados polo bando franquista convertiríanse en artefactos averiados daquela maquinaria da represión (Ferrándiz, 2011), que unha vez rematado o Réxime resignificaríanse como lugares de recordo daqueles “mártires”.

A resignificación do lugar de morte: O monumento aos fusilados na Guerra Civil

A finais dos anos 90, antes incluso da aprobación da lei da memoria histórica, o Concello da Coruña, en colaboración co Ateneo Republicano de Galicia e a Asociación de Veciños de Atochas – Monte Alto, comezou o proxecto de erección dun monumento en memoria dos fusilados durante a represión fascista dos anos 30. Este monumento, que sería levantado sobre a vella caseta militar cuxos muros serviran de paredón para os fusilamentos, foi deseñado polo artista –e tamén vítima da represión franquista– Isaac Díaz Pardo, que nun artigo publicado uns días antes da súa inauguración o 14 de abril de 2001, definíano deste modo:

«Cando van alá 65 anos, con humildade franciscana, sen intención de recordar para molestar, estase armando con pedras tal e como sairon da canteira, mordidas polos barrenos, unha especie de restos dun derruido cromlech (que poden significar os restos dun derrubado ideal que tivemos) para recordar que neses campos, a carón da Torre de Hércules, se inmolaron moitos homes que non tiñan máis delicto que non pensar o mesmo que os seus inmoladores» (LVG, 9/4/2001)

Neste monumento descartouse incluir os nomes dos represaliados, como sí o estarían no monumento inaugurado uns anos despóis na Avenida de Navarra, xa que, como o propio Isaac deixou escrito no mesmo artigo «hai só un recordo abstracto dun tempo de dor». Sí contén en cambio duas lendas nos seus dinteis, e varias franxas de pintura vermella debuxadas polo propio Díaz Pardo, que simbolizan o sangue dos inmolados. No monumento incrustouse tamén a fotografía no fusilamento do 23 de outubro de 1936 que tomara o soldado José Sáez.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *