Canles e mecanismos de reprodución da memoria

O recordado e o recordable dependen en gran medida da capacidade e voluntade dos axentes para rexistrar, conservar e replicar certos sucesos históricos e un marco interpretativo sobre os mesmos. No rexistro destes sucesos interveñen múltiples axentes, como os propios protagonistas dos feitos, os testigos e/ou os historiadores; as institucións estatais como arquivos, museos, bibliotecas e universidades xogan un papel fundamental na selección do que debe ser conservado; e estas mesmas institucións teñen unha gran capacidade de impoñer marcos de interpretación acerca de certos feitos do pasado, xerando unha memoria oficializada que é reproducida a través do conxunto de institucións e mecanismos estatais como libros de texto, calendarios conmemorativos, exposicións, etc.

Pero xunto a estas canles e mecanismos estatais de reprodución da memoria existen outros que operan en paralelo –en diferentes ámbitos e a diferentes niveis– e que xeran marcos de interpretación alternativos, e con eles relatos memorialísticos periféricos. Para a construción e reprodución destas memorias os axentes colectivos que as impulsan empregan algúns mecanismos similares aos empregados polas insitucións do Estaso –como os ciclos conmemorativos anuais ou certas publicacións– pero en moitas ocasións carecen dos medios económicos ou das circunstancias políticas –debido ás prohibicións gubernamentais ou a represión estatal– que lles permite facer uso destes mecanismos. Nestas circunstancias os seus relatos memorialísticos dependerán de estratexias e métodos alternativos, que pasan fundamentalmente pola transmisión oral dos mesmos no ámbito privado. Esta canle de reprodución da memoria –que prescinde de mecanismos de fixación como a escritura ou as grabacións audiovisuais– somete ao relato memorialístico a unha maior variabilidade ao longo do tempo, pois a súa forma aberta faino máis receptivo á imaxinación, ampliación ou discrimicación selectiva, pero ademáis está moi suxeito á capacidade e vontade de transmisión e recepción dunha xeración a outra, atopando un momento crítico de conservación na fase de transición entre a memoria comunicativa e a memoria cultural.

Memoria comunicativa é un termo acuñado por Jan Assmann para referirse ao tipo de memoria colectiva que se produce nos contextos da vida cotiá en torno a acontecementos do pasado recente e que, ao carecer de métodos ou estratexias de fixación duradeira, a súa reprodución depende da existencia de portadores vivos desa memoria. Con memoria cultural o mesmo autor refírese ao tipo de memoria colectiva cuxa comunidade de memoria logrou organizar unha fixación dos seus contidos por medio de estratexias comunicativas que consisten no rexistro duradeiro ou na ceremonialización do seu relato sobre o pasado. A memoria cultural pódese entender, polo tanto, coma unha fase ulterior da memoria comunicativa, cuxa condición de posibilidade depende do emprego de soportes que conteñan este relato memorialístico, como textos, documentos audiovisuais, arquivos, etc. (Baer, 2011).


Baer, A. (2011). La memoria social. Breve guía para perplejos. En J. A. Zamora y A. Sucasas (Ed.), Memoria-Política-Justicia: En diálogo con Reyes Mate, pp. 131-148. Madrid: Trotta.