Club do Mar de San Amaro

No ano 1930 un grupo de mozos de Santo Tomás axudaron a un veciño sen fogar a construir unha pequena casoupa na ensenada de San Amaro. A “Villa del Conde Cachuzas” sería a primeira experiencia dun proxecto de autoconstrución que co tempo levaría a estes mozos obreiros a crear unha institución do barrio que ainda hoxe existe, o Club do Mar de San Amaro (Eyre, 1984)

Manuel Otero, un destes rapaces, contaba deste modo como é que xurdira a iniciativa:

«Empezamos case de monada a traballar despois de facer as “vilas” para os pobres. O cemento recolliamolo nos peiraos (…) Era o que quedaba nas regañas, os adoquins ao se romper os sacos. Algúns tamén se rompían adrede para que rendese máis» (Eyre, 1984)

Foi así como no ano 1932 comezou a construírse o primeiro edificio do club sobre un lavadoiro abandonado. Ademáis do cemento apañado no porto, que era transportado polos carreteiros da rúa de Santo Tomás, os rapaces extraeron pedra das canteiras dos redores.

Co edificio a punto de ser rematado e xa con 300 socios, o club inaugurouse o 8 de setembro de 1935. Na súa primeira directiva figuraron anarquistas como José Sánchez Triñanes, que anos despois protagonizaría un intento de atentado contra Franco, e o membro do Partido Sindicalista Marco Tulio Otero (Pereira, 2019:35; Fernández, 2020). Na súa curta historia obreira o club contou con diversas comisións, tanto de actividades deportivas (natación, remo e atletismo), como de traballo interno (propaganda, festivais e espectáculos), e competiu con outros colectivos e clubs obreiros da cidade. Foi o caso daquelas carreiras que enfrontaron á súa sección de atletismo co Albatros, integrado polos rapaces das JJ.LL. das Atochas, ou as competicións de traiñeiras polo mar do faro, onde «a embarcación do Club del Mar, a Jeluca, se medía en competencia coa Rubia do Ateneo de Santa Lucía encabezada por Prego, coa da Cultural da Cidade Vella, rotulada Velaí vai e patroneada polo rexo confederal Manuel Roque Gantes» (Pereira, 2019:36). Este espallamento do deporte popular e xuvenil polo barrio levou incluso á proposta de crear un Comité Local Pro-Olimpiada Popular, en oposición ás olimpíadas do ano 1936 que ían celebrarse en Berlín para maior gloria do réxime nazi.

Pero lamentablemente a barbarie nacional-católica impúxose poucos meses despois do comezo destas actividades, e no verán de 1936 o edificio ardería a mans duns falanxistas que non aturaban a autonomía cultural e social da clase obreira. Pasado un tempo o edificio e a institución reconstruiríanse, pero xa baixo a lóxica monolítica dun país sometido ao xugo dunha ditadura que deixou polo camiño os cadáveres de varios daqueles rapaces da rúa de Santo Tomás.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *