Cuartel da Garda Civil

Cuartel da Garda Civil na rúa Médico Rodríguez, xunto á praza de touros

En xullo de 1937, tra-la redada nas casas-refuxio das Atochas, os militantes libertarios que non foran abatidos pola brigada de servizos especiais da Garda Civil, foron conducidos cara o cuartel da Garda Civil situado na rúa Médico Rodríguez. Alí serían sometidos a interrogatorios co fin de obter información sobre a rede de resistencia libertaria e os seus membros.

Estes interrogatorios, recollidos na Causa 992/37, acabarían por conducir á fonda dos Palacios Seijas, onde José Torres e Alejandro Palacios serían detidos, e posteriormente conducidos tamén ao cuartel da Garda Civil. Alí, segundo a testemuña das familias de ambos anarquistas, serían sometidos a tortura durante o interrogatorio:

«Vi a mi padre por última vez, cuando me llevaron al cuartel con mi madre, por la rejilla de un calabozo y me enseñó su pecho, le habían atizado y duro» (Alejandro Palacios Seijas, fillo de Alejando Basilio Palacios)

«Estaba mazao a palos, incluso les habían metido palillos por en medio de los dedos… los habían machacao» (Dolores Ares Torres, neta de José Torres)

Tra-lo interrogatorio José e Alejandro foron conducidos cara o cárcere provincial, pero no traxecto fóilles aplicada a lei de fugas, durante un suposto intento de zafarse das autoridades, do que resultaron mortos polo efecto de varios disparos. Este suceso repetírase ata en cinco ocasións só no marco destes interrogatorios, e no traxecto do cuartel da Garda Civil cara o cárcere provincial, como o mesmo capitán da 3ª Compañía de Comandancia describe no peche do seu atestado:

«Los también detenidos JOSE GONZALEZ N., ALEJANDRO DELGADO FERNANDEZ, ANTONIO VARELA MIGUELEZ, JOSE TORRES REGUEIRA y ALEJANDRO BASILIO PALACIOS, por haberse dado a la fuga cuando eran conducidos a la prisión, según se dio cuenta oportunamente, fueron muertos a consecuencia de los disparos que sobre ellos hizo la fuerza que los conducía y persiguió cuando la intentaron»

O asasinato destes cinco militantes libertarios non foi unha excepción. A aplicación da lei de fugas era unha constante no traslado de presos dende o cuartel da Garda Civil até o cárcere. Tendo en conta que neste cuartel estaba unha das duas delegacións do tribunal invisible, cuxa función era ditar sentencias fora do marco xurídico militar golpista co fin de sinalar ás persoas que debían ser “paseadas”, e que as patrullas del amanecer que se encargaban da execución desas condenas estaban integradas tamén por membros da Garda Civil (Lamela, 2006), parece lóxico deducir que este percorrido formaba parte do sistema represivo integrado polo propio cuartel –como lugar de torturas– o cárcere, e os varios lugares de morte da península da Torre, conformándose nun verdadeiro traxecto de morte.

Derrubo do cuartel nos anos 60 e vistas do Corralón da Garda Civil