Cuartel de Atochas – Asalto das JJ.LL.

Dende que os mandos militares que permaneceran fieis á República –como o comandante Quesada e o capitán Tejero– foran fusilados no Campo da Rata, houbera entre os suboficiais dos cuarteis da Coruña unha forte resistencia a obedecer aos novos mandos, os casi consideraban ilexítimos. Por outra banda, moitos dos militantes libertarios que presentaran resistencia ante os militares golpistas nos primeiros días da sublevación, e que dende a caida da cidade baixo control fascista atopábanse agochados, comezaron a organizar unha serie de intentos de levantamentos insurreccionais nos cuarteis coruñeses. Nestas intentonas xogaron un papel central algúns membros das Juventudes Libertarias –e moi especialmente os pertencentes ao grupo Nervio– como Manuel Pallares, Cristóbal Feliu, Melchor Pita, ou Tomás Longueira.

O primeiro destes intentos ocurriu no Cuartel de Intendencia en setembro de 1936, onde os militantes das Juventudas Libertarias que foran chamados a filas trataron de organizarse para dar un golpe e, unha vez controlado o cuartel estender a resistencia ao resto da cidade. O problema para enfrentar aos golpistas o 18 de xullo fora a falta de armas, xa que o gobernador civil rexeitara entregalas ao pobo, polo que os anarcosindicalistas tiveron que enfrontarse contra un exército profesional sin apenas recursos, «algúns levaban escopetas de munición, outros pedras e paos e mesmo había quen esgrimía estraños sabres e espadas tiradas quen sabe de que panoplia decorativa» (O que firexon en Galicia, 1998:109). Desta volta, co acceso ás aramas do exército, os mozos das Juventudes Libertarias viron a súa derradeira oportunidade para enfrontarse con éxito aos fascistas, malia que este levantamento foi finalmente frustrado por un desencontro entre os organizadores.

O segundo destes intentos é o que mellor documentado temos, por ter sido aberta unha causa (Causa 1193/36) contra os seus organizadores, e por ter sido recollida tamén nunha crónica acerca dos primeiros días de represión que sería publicada anónimamente en París no ano 1938 co nome La Galice sous la botte de Franco (reeditada no ano 1998 con título O que firexon en Galicia). Segundo aquela crónica, que algúns autores atribuen a Luis Seoane, 8 soldados do Regimiento de Infantería Isabel la Católica do cuartel de Atochaforon acusados de preparar unha sublevación no cuartel, coa intención de «matar a coitelo a oficialidade do rexemento» (O que firexon en Galicia, 1998:134). Estes soldados serían xulgados nun consello sumarísimo e coneados a morte.

Vista aérea co Cuartel de Atocha no primeiro termo

Image 1 of 2

Segundo a crónica esta condena foi executada o 23 de outubro de 1936, cando os oito soldados foron conducidos a pé dende o cuartel ata o Campo da Rata. A comitiva, cos condeados en posición de desfile, saiu ás tres da tarde do cuartel e atravesou as Atochas de cara á península da Torre, e «ao longo de todo o traxecto e mentres as tropas formaban o cadro, desde que sairon do cuartel até que caeron atravesados polas balas, os oito soldados foron gritando até ficaren roucos cun entusiasmo e unha fortaleza impresionantes. Abrazados uns aos outros e a aclamaren a República, Azaña e a Liberdade» (O que firexon en Galicia, 1998:134). No Campo da Rata foron fusilados a plena luz do día e con asistencia de público.

23/10/1036. Fusilamento no Campo da Rata, fotografiado polo soldado José Sáez

A última intentona insurreccional nos cuarteis produciuse en novembro de 1936. Tratábase dunha acción coordinada coa resistencia antifascista de Ferrol e Vigo. O que se pretendía era tomar algúns cuarteis en varios puntos do país e dende alí tratar de darlle a volta á situación. Pero de novo foi frustrado pola detención dalgúns dos implicados, varios deles das Juventudes Libertarias, que serían fusilados no Campo da Rata. Un dos participantes nesta acción que lograría evitar a súa dentención foi Jose Antonio Boedo, membro do Sindicato de Albaneis, ainda que finalmente remataría sendo fusilado no mesmo lugar, tras participar no gran intento de fuxida do Portiño en marzo de 1937.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *