Expresión latina que significa “condena da memoria” que ven a definir o borrado ou eliminación que se exerce sobre a memoria dunha persoa concreta, e de cuxa práctica temos constancia dende o antigo Exipto. Esta relegación ao ostracismo post mortem consistía, no caso romano, nunha condena decretada polo Senado en virtude da cal a maquinaria estatal comezaba o proceso de destrución das pegadas e vestixios da existencia da persoa referida: retratos, monumentos, inscripcións e referencias en textos eran eliminados, chegando incluso ao punto de prohibir a súa mención.
Esta operación continuo realizándose ao longo da historia en diferentes períodos, pero neste caso referímonos a unha eliminación non tanto da memoria de persoeiros concretos, senon dunha comunidade política enteira, por medio da destrución de todo elemento material a ela vinculado: panfletos, xornais, libros, carnets, bandeiras, fotografías, retratos… algúns dos cais sobreviviron pola súa conservación no espazo íntimo do fogar, agochados baixo terra durante anos –é o caso da maleta Villaverde– ou facendo a viaxe de fuxida cara ao exilio, xunto a algúns portadores desa memoria.