Esquecementos impostos

Dende a perspectiva inaugurada por Halbwachs, o esquecemento non sería máis que o debilitamento dos marcos sociais da memoria pola desaparición do contexto vivido socialmente (Baer, 2011). É dicir, o esquecemento operaría na fronteira entre o que Jan Assmann denominou memoria comunicativa e memoria cultural, unha vez a comunidade ou o conxunto de individuos que viviron unha situación social desaparecen físicamente –ou deixan de rememorar eses feitos– sen ter fixado o seu relato memorialístico mediante algún tipo de sopoerte que o conteña e permita conservalo.

Pero o esquecemento pode ser imposto incluso sobre as persoas e comunidades que viviron uns acontecementos concretos, colapsando os seus mecanismos e canles de reprodución da memoria na esfera pública, por medio de prohibicións e persecucuóns represivas, o cal en moitas ocasións afecta tamén á súa reprodución na esfera ítima e familiar, pola implantación das políticas do medo e a peda pedagoxía do sangue (Ferrándiz, 2011) que fomenta o silencio coma estratexia de conservación da vida. Esta autoimposición do silencio, moi habitual nos contextos familiares, que en moitas ocasións envolven a figura dalgún membro desaparecido no misterio e a práctica desaparición da memoria familiar, ten probablemente non só unha lóxica estratéxica –evitar reproducir, e por tanto perder o control, sobre certa información potencialmente inculpadora ante as autoridades– senón tamén psicolóxica –ao eludir a acción de conmemorar, evítase revivir unha serie de feitos traumáticos para a familia (Zamora, 2011)–. Parafraseando a Ricoeur imos empregar o termo esquecementos impostos para referirnos aos procesos de interrupción na reprodución de certos relatos memorialísticos sancionados polos mecanismos de represión dun réxime autoritario. Empregaremos tamén a subcategoría esquecementos (auto)impostos para referirnos á variante de este proceso que responde ás estratexias de autoconservación dos axentes memorialistas en ditos contextos represivos. Polo tanto, os esquecementos impostos son aqueles que operan sobre a esfera e o espazo públicos, mentres que os esquecementos (auto)impostos afectan á esfera privada e familiar.


Baer, A. (2011). La memoria social. Breve guía para perplejos. En J. A. Zamora y A. Sucasas (Ed.), Memoria-Política-Justicia: En diálogo con Reyes Mate, pp. 131-148. Madrid: Trotta.

Ferrándiz, F. (2011). Autopsia social de un subtierro. En Isegoría, nº45, pp. 525-544 (julio-diciembre)

Zamora, J.A. (2011). Memoria e historia después de Auschwitz. En Isegoría, nº45, pp.501-523.