Etnografía móbil

A entrevista paseada é unha técnica pertencente á tracidión da etnografía móbil, que procede do denominado xiro corporal nas correntes fenomenolóxico-hermenéuticas da antropoloxía, e que parte da premisa de que o camiñar non se reduce ao tránsito entre dous puntos, senon que é un proceso que envolve toda unha gama de actitudes, expresións e formas de relacionarse cos outros e co espazo material, a partir de cuxa observación e práctica pódense extraer moitos datos empíricos abertos a análise e interpretación.

Segundo Ingold e Vergunst o camiñar é unha ferramenta social en sí mesma, que permite a (re)produción do coñecemento en certos contextos, como é o dos dogrib do noroeste de Canadá, os cales diferencian entre as historias orais e o verdadeiro coñecemento, que se acada cando esas historias son confirmadas por medio da experiencia persoal de seguir as pegadas e transitar os lugares nelas referidos (Ingold & Vergunst, 2008). Nun sentido similar, nesta investigación comprendemos o desprazamento coma unha ferramenta que permite reproducir certos coñecementos en forma de memorias espacializadas. Deste modo empregaremos as entrevistas camiñadas para transitar dos relatos memorialísticos á produción de información empírica in situ. Camiñar os relatos dos informantes xunto a eles, seguindo as pegadas ou marcas urbanas deixadas polos seus devanceiros, e rexistrar todo isto por medios (audio)visuais é unha forma excepcional, non só de xerar coñecemento en movemento, senon de outorgar significado a lugares concretos, rompendo dalgunha forma coa visión aséptica do espazo público urbano. Pois, como sinala Sarah Pink, os lugares son antes procesos que cousas, e dependen polo tanto do constante facer e refacer dos axentes de campo que por medio das rutas trazadas neste devenir, conectan as súas narrativas co espazo urbano, producindo os lugares de memoria (Pink, 2008).