Itinerario das Casas-refuxio de mulleres libertarias

As casas-refuxio

Chamamos casas-refuxio ao conxunto de vivendas de mulleres libertarias do barrio das Atochas que serviron como lugar de agocho e mantenza dos militantes do movemento obreiro perseguidos polas novas autoridades instauradas tra-la sublevación militar de xullo de 1936.

Ainda que o termo de casas-refuxio foi acuñado pola escritora Carmen Blanco García na súa publicación Casas Anarquistas de Mulleres Libertarias (Blanco, 2007) para referirse a este contexto de represión tra-lo levantamento fascista, a primeira referencia que temos deste tipo de lugares de refuxio procede do xornal levantido Cartagena Nueva, onde o estibador cenetista do porto coruñés, Luis Chamorro –que se fugara da cidade en xaneiro de 1937– publicou un artigo co título Nuevas víctimas del fascismo en Galicia, no que se refería a Basilisa Álvarez (La Corales) nestes termos:

«Esta camarada, desde los años 20 viene prestando sus servicio a la Revolución. Muchos compañeros nuestros, en diferentes periodos, han tenido un sitio seguro en su pequeño domicilio» (Cartagena Nueva, 1/8/1937)

Esta declaración permítenos conxeturar a existencia na cidade, xa antes da guerra, dun conxunto de vivendas que servían para agochar aos militantes anarquistas perseguidos polas autoridades durante os periodos de especial represión gubernamental. Esta forte asociación da muller co fogar, a acollida e os coidados non foi cuestionada polo movemento libertario durante boa parte da súa historia, pero cara os anos 30 xa víñanse instaurardo na cidade unha sección de Mujeres Libres, así como o colectivo Vanguardia Femenina, que comezaban a promocionar e desenvolver un papel máis activo das mulleres no movemento libertario.

Neste contexto chegou o golpe militar, e as mulleres anarquistas asumiron un gran protagonismo no movemento de resistencia ao golpe. Nun momento inicial, poñéndose en primeria liña da loita antifascista, organizando manifestacións e incluso enfrontándose polas armas contra as novas autoridades. Nun segundo momento, e unha vez caida a cidade baixo control sublevado «sacándolle partido ás funcións tradicionais do seu sexo, aproveitándose a un tempo da ideoloxía sexista do novo réxime e das potencialidades que a peculiar cultura feminina lles proporcionaba» (Blanco, 2007). Así as mulleres libertarias asumiron a labor de acoller, dar refuxio e construir un entorno de seguridade onde agochar aos seus compañeiros, dado o menor grao de acoso ao que estaban sometidas por parte dunhas autoridades que subestimaban o seu papel como axentes políticos. Pero esta situación permitiu ás mulleres libertarias non só figurar como arrendatarias de vivendas e convertilas en lugar de refuxio para a disidencia política, senon tamén moverse cunha maior liberdade no espazo público, o que fixo que recaera sobre elas todo o peso da coordinación e comunicación entre os diferentes sectores da FAI-CNT que se estaban a reorganizar na cidade tra-la súa caida baixo control sublevado. O centro de todas estas actividades protagonizadas polas mulleres libertarias foron as casas-refuxio, cuxa función desbordou a esfera dos coidados para convertirse en verdadeiros núcleos de organización da resistencia antifascista.

As casas-refuxio tiveron deste modo unha triple función:

  • Lugar de agocho e coidados, polo que foron pasando numerosos militantes perseguidos polas novas autoridades fascistas.
  • Lugar de reunión dos grupos políticos en proceso de reorganización para levantarse contra as autoridades fascistas. Grupos integrados fundamentalmente por membros da FAI e da CNT, pero nas que tamén participaron comunistas e militantes doutras familias políticas do obreirismo.
  • Nódulo de diferentes redes de resistencia, non só polo movemento de militantes agochados entre diferentes casas-refuxio, senón tamén polo acopio e distribución a través delas de roupa e alimentos, así como cotizacións para o mantemento dos agochados e incluso para a organización de fuxidas cara o frente de Asturias ou ao estranxeiro. Nódulos tamén das redes políticas en reorganización para o enfrontamento contra o fascismo.

Asalto ás casas-refuxio e caida da rede de resistencia antifascista

Sabemos da existencia desta rede de casas-refuxio fundamentalmente pola serie de informes policiais que seguiron á súa desarticulación ao longo do mes de xullo de 1937, ainda que é de supoñer que non todas as casas-refuxio foron asaltadas, e polo tanto, que algunhas delas deberon seguir mantendo a súa actividade.

A caida das casas-refuxio veu dada pola infiltración dun topo da Garda Civil nunha das redes de reorganización para a insurxencia da FAI coruñesa, liderada polo ex contador da Federación Local de Grupos Anarquistas da FAI, José González, e o anarquista arxentino de orixe grega Antonio Fournerakis “El viejo”. Estes dous homes «conseguiron tecer unha malla de resistentes antifascistas, que agochados en diversos domicilios da cidade, agardaban calquer movimento para incorporarse coas armas á loita frontal contra o enemigo» (Fernández e Pereira, 2007). Estes domicilios eran as casas-refuxio de María Otero, situada no nº55 da rúa Atocha Alta e a de Alicia Dorado, no nº6 da rúa do Carme.

O topo era un membro da Brigada Especial da Garda Civil, excapitán da Falange de Valladolid e colaborador do Estado Mayor en servicios especiais que, co nome falso de José Fernández, contactou con José Brandariz o 3 de maio de 1937. Brandariz era un coñecido militante da Federación Local Obrera, que se enfrontara polas armas contra os sublevados nos primeiros días do alzamento militar, e levaba agochado dende entón. O topo presentouse ante Brandariz como enlace en Galiza dun suposto Comité Central de Barcelona [vinculado á CNT catalá] que estaba a organizar a insurrección no territorio dominado polas tropas nacionais. A súa misión era organizar un complot na Coruña, fin para o cal o suposto Comité Central estaba en disposición de facer un desembarco de armas por medio dun submarino, coa protección de barcos de guerra franceses (Grandío, 2001).

Co pretexto da necesidade dunha listaxe de todo-los elementos activos na cidade, susceptibles de ser postos a disposición da insurrección, Brandariz non só puxo a disposición do topo todo o seu coñecemento sobre a estrutura da rede, senón que tamén deulle acceso a ela, poñéndoo en contacto cos militantes máis destacados da cidade. Esta rede, segundo Brandariz, contaría con axentes de enlace introducidos entre persoal dos hospitais, o exército e o corpo de carabineros, co apoio de certas persoas con influencia económica e social na cidade, ademáis de ter agochados ao redor de 2000 perseguidos polas autoridades.

A infiltración do topo, que foi rexistrada nunha serie de reportes –coñecidos como O informe Brandariz– que entregaba diariamente aos seus superiores da Garda Civil coa sinatura en clave 3-2-1, chegou á súa fin o 18 de xuño de 1937, cando tras entrar en contacto con Jaime Baella –un destacado membro da FLO, do que se fixera correr o rumor de que morrera na defensa da cidade en xuño de 1936– este sospeitou do topo. O último informe de 3-2-1 asinouse o 21 de xuño.

O 10 de xullo, ao redor das 00:30h, a Brigada de servicios especiais da Garda Civil cercou os edificios situados na rúa Atocha Alta 55 e Travesía de Atocha 50 –separados por un pequeno patio– coa intención de realizar un rexistro policial no primeiro destes edificios. A inquilina da vivenda que ocupaba o primeiro andar era María Otero González, militante libertaria de 33 anos e activa participante nas labores de reorganización da FAI coruñesa, que nese momento servía como enlace entre diferentes núcleos e militantes anarquistas. María puxera a súa casa ao servizo da rede de resistencia, agochando nese momento aos compañeiros Fernando Caamaño Pérez, Carlos Miguel Pérez, Jesús Rodríguez, José González e Rogelio González.

Atocha Alta, 55 antes do seu derrubo no ano 2013

Cara ás 2 da madrugada, a Garda Civil petou na porta, sen obter resposta, polo que o sarxento Fernández Garea ordenou entón derrubala. Segundo o informe policial [asinado o 10/7/1937 polo xefe de Servicios especiais da Garda Civil, Manuel Santos Otero. Causa 992/37 do Tribunal Militar de la Región Noroeste] os anarquistas comezaron entón a disparar contra as autoridades con armas de lume, mentres entonaban himnos revolucionarias e vivas á anarquía e ao comunismo. Ao redor das 3 da madrugada o operativo da Garda Civil –ao que se sumaran tropas de Infantería e Intendencia, corpos de vixilancia e milicias de Falange– remataba co resultado de 4 mortos, un ferido e dous detidos, así como a incautación de varias pistolas e unha bomba de man. Os mortos, ademáis da propia María Otero, foron Fernando Caamaño, anarcosindicalista e repartidor de xornais de 22 anos de idade; Carlos Miguel Pérez (Carlos Míguez Díaz, segundo outro informe [causa 1007/37, do mazo 49, Tribunal Militar de la Región Noroeste]), co alcume de “Moreno”, peón de profesión e tamén anarcosindicalista de 25 anos; Jesús Rodríguez “Chucho”, militante das Juventudes Libertarias de 20 anos. O camareiro Rogelio González –segundo o informe policial, comunista de 22 anos de idade– e dous nenos resultaron feridos. Pola súa parte José González, secretario do comité local da FAI, de 25 anos, e Manuel Blasco Naya, de 42 anos, foron detidos. Pola banda das tropas de asalto resultaron dous gardas contusionados e o médico agregado ferido nun músculo.

Esa mesma noite José González foi sometido a un interrogatorio no que, segundo o informe da Garda Civil, este recoñeceu ser autor, xunto a Antonio Fournerakis “El viejo”, dun manifesto dirixido aos elementos da FAI para a súa reorganización na cidade. Ademáis informou de que o mesmo Fournerakis, xunto a Julio Acebedo e outros, estaban refuxiados na casa da que era inquilina Alicia Dorado, no segundo andar do nº6 da Rúa do Carme.

Na tarde dese mesmo 10 de xullo, unha brigada de servicios especiais da Garda Civil cercou o edificio situado no nº6 da Rúa do Carme. No faiado achábase a Villa Rosalía, vivenda alugada por Alicia Dorado, panadeira anarquista, que fora expulsada da fábrica de tecidos La Primera Coruñesa polas súas actividades revolucionarias. Viúva dende que o seu compañeiro fora paseado polas tropas fascistas, Alicia refuxiaba na súa casa ao seu amante, o anarquista Julio Acebedo Veiga, membro da Federación de Anarquistas Portugueses exiliados, e ao tamén exiliado Antonio Fournerakis, anarquista arxentino de orixe grega que chegara á Coruña de man da Cruz Vermella internacional. Alicia actuaba como enlace entre Acebedo e Fournerakis con José González, xunto aos que trataba de rearticular a rede da FAI coruñesa.

Cara á media tarde os corpos policiais penetraron na vivenda de Alicia, opoñendo resistencia os anarquistas, e sendo estes reducidos polas forzas de asalto. O resultado foi a morte de Alicia Dorado, Antonio Fournerakis e José Valeiro Caramés –de 24 anos– e a fuxida polo tellado de Julio Acebedo, que logrou chegar ata o balcón do nº1 de Verea do Polvorín, 2º izda., onde foi reducido por disparos das tropas dende a azotea do edificio de enfrente, segundo o atestado asinado polo capitán da 3ª Compañía Antonio Penelas Cancela. Segundo este mesmo informe policial en Villa Rosalía atopáronse unha serie de obxectos que dan unha dimensión da función insurreccional que as casas-refuxio tiñan, máis alá do seu carácter de lugar seguro para o agocho de militantes perseguidos polas autoridades golpistas: «1 selo de caucho da FAI, 5 cartas con membrete da FAI, 4 exemplares dun manifesto faísta, 1 folla clandestina de Ferrol do 4 de abril de 1936, 4 canets da FAI, 1 plano da Coruña, 1 pasaporte de Fournarakis, 2 maletas con propaganda anarquista, comunista e socialista, 1 revolver, 102 pesetas, 1 anillo de ouro, 3 pistolas automáticas, 1 recibo dos explosivos entregados no Parque de Artillería» (Grandío, 2001)

Segundo as conclusións do atestado policial «Las inquilinas de Atocha 55 y Carmen 6, María Otero y Alicia Dorado, cuyas viviendas eran guaridas de los revolucionarios, eran los principales agentes de enlace de los comités», pero as pesquisas e interrogatorios realizados polas autoridades golpistas durante estas xornadas levaron á casa-refuxio de La Corales, situada no piso baixo de Atocha Alta, 2, onde o 18 de xullo de 1937 irrumpiron as autoridades franquistas. A vivenda estaba arrendada por Basilisa Álvarez González, muller de 41 anos que coñecida co alcume de La Corales, pertencente á sección coruñesa de Mujeres Libres. Antes da guerra Basilisa fora delegada da Sección de Empacadoras do Sindicato de Industria Pesquera, e antes diso, de noviña, adicárase á prostitución, do que dan conta varios informes policiais que entre os anos 1916 e 1923 dan parte de varias agresións machistas contra a súa persoa, así coma da súa detención por faltas á moral na vía pública.

A da Corales era unha das casas-refuxio do barrio das Atochas de máis longa historia, e nela agocháronse numerosos fuxidos das autoridades franquistas dende xullo de 1936. No momento do asalto Basilisa albergaba a Fernando Caamaño, Antonio Chamorro Castro, rapaz de 18 anos pretencente ás Juventudes Libertarias, e a Jesús Rodríguez, traballador ferroviario de 19 anos. Segundo din, o refuxio fora descuberto tra-la delación dun veciño, que ao ver roupa de home colgada dun tendal, advertira ás autoridades. Segundo a versión oficial, no asalto foi detido Antonio Chamorro, logrando fuxir por unha fiestra os outros dous homes xunto a Basilisa. Ainda que segundo a versión de Luis Chamorro, publicada no xornal Cartagena Nueva o 1 de agosto de 1937, no asalto morreran 5 falanxistas e un libertario.

Como recorda Laura Torres –que coñeceu a La Corales en vida, pola amizade que a unía coa súa nai, a tamén membro das Juventudes Libertarias Consuelo Meitín– esta non fora a primeira vez que as autoridades someteran a casa da Corales a un rexistro, e tampouco a primeira vez que Basilisa eludira o seu apresamento: «Cuando andaban haciendo revisiones y eso [as autoridades], ella se escapaba por los tejados. Saltaba… como había casas bajas, iba de unos tejados a otros y se iba escapando».

O 21 de xullo foi asaltada outra casa-refuxio, esta situada na rúa do Matadoiro, no momento en que dez anarcosindicalistas mantiñan unha xuntanza. Neste asalto foi abatido Luis Cheda Magallart e os outros nove foron detidos e posteriormente condeados a morte. O informe policial non da máis datos acerca deste emplazamento, pero é posible que se tratara do número 34 da rúa Matadoiro, corralón, departamento C, da que temos constancia que era unha casa-refuxio, pois foi alí onde de feito albergouse o topo durante a súa infiltración na rede de resistencia, por ser esta a pousada onde estaba agochado José Brandariz. Esta vivenda do Matadoiro estaba rexentada por unha tal Benita, á cal o topo se refire xeralmente como la patrona, da cal sabemos polos informes que era unha activa membro da rede de resistencia. Pola pousada deberon pasar numerosos militantes libertarios en busca e captura, pero neses días ademáis do topo, a patrona e José Brandariz, estaban agochados a esposa de Brandariz, Carmen López Varela, a anarquista melidense Consuelo Grao Varela, e o anarquista José Benito, que compartía habitación co topo.

O primeiro informe do topo, que data do 3 de maio, comeza describindo o lugar: «Llego a mi domicilio en la calle Matadero, Nº34, al penetrar, al remate del portal, hay dos escaleras que dan a otras tantas viviendas; la primera según se entra a derecha, es la que conduce a la casa donde estoy, y esta misma escalera da entrada a la casa que da vista a la carretera (frente a la caseta de Carabineros) en esta se halla habitada por Brandariz y frente está la puerta donde yo paro». Tal como se reflexa ao longo do informe esta vivenda serviu como lugar non só de refuxio senón tamén de actividade política, sendo o lugar onde José Brandariz recibía as visitas de “compañeiros dirixentes”, «un sobrino suyo que estaba en Artillería; este sobrino lo tiene como enlace dándole cuenta del movimiento del cuartel y noticias que se saben del frente» e outros amigos, ademáis de correspondencia que era enviada ao nome da súa sobriña. Tamén era este lugar de reunións da rede de resistencia, como se pode apreciar no informe que o topo redactou o 12 de maio:

«Son las 10 de la noche cuando llego a la posada; al penetrar en mi cuarto me encuentro ya esperándome a José Brandariz y en la cama mi compañero anarquista José Benito; José Brandariz me dice, que hoy por la tarde recibió la visita de tres cabecillas, un tal Guillermo, de oficio panadero, este Guillermo es el que lleva el control de todos los escondidos y yo creo debe guardar toda la documentación y le sirven de enlaces un tal Calviño de oficio carpintero (…) y un tal Longueira, este Longueira estuvo preso y lo puso en libertad Wonemburguer».

Calviño era, segundo dí o informe máis adiante, o encargado dos “escondidos”. A influencia desta casa-refuxio trascendía incluso o seu espazo físico pois, ao parecer, e segundo o topo pon en boca de Brandariz e da patrona, mesmo o tendeiro da esquina da rúa e incluso os carabineros do posto de mando do Matadoiro estaban ao tanto das actividades que na casa se levaban a cabo, e incluso participaban nas maniobras clandestinas.

Ademáis destas catro casas-refuxio, temos constancia dunha quinta na contorna das Atochas, a cal estaba situada nun lugar indefinido da rúa Orillamar. Trátase da vivenda de Sebastiana Vitales Gascón, unha libertaria aragonesa afincada na Coruña, fundadora da sección local de Mujeres Libres e do colectivo Vanguardia Femenina da FAI coruñesa. Sebastiana, que no ano 1935 acompañara a Federica Montseny nalgúns mitins durante a súa visita á Galiza, perdera ao seu compañeiro nas primeiras xornadas da sublevación militar, e dende entón puxera a súa casa a disposición das persoas perseguidas. Ainda que non sabemos se nesta vivenda houbo tamén algún tipo de actividade política, dado que apenas contamos con información acerca dela, polo perfil militante de Sebastiana, é de supoñer que a súa vivenda non se debeu limitar a ser lugar pasivo no agocho de militantes perseguidos, e nela deberon de levarse a cabo tamén algún tipo de actividade clandestina. Esta casa foi tamén descuberta, polo que Sebastiana pasou unha tempada na cadea, tra-lo cal, en 1954 emigrou a Venezuela, onde morreu no ano 2000.

Vista do barrio co cuartel de Atocha á esquerda e o comezo da rúa Orillamar á dereita

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *