Lugares de Memoria

Neste mapa-web clasificamos os lugares de memoria nunha serie de subcategorías con respecto aos feitos e contextos históricos que os fundan, e respecto ás comunidades de memoria que os reivindican hoxe en día. Esta complexidade reflíctese no mapa por medio dunha serie de elementos gráficos.

En relación ao primeiro eixo a clasificación resultante é a seguinte:

Lugares de Vida Cotiá = Lugares onde os militantes libertario desenvolvían a súa vida íntima e familiar.

Lugares de Conmemoración = Lugares onde os militantes libertarios dos anos 30 celebraban a memoria de acontecementos previos, ou que están vinculados á memoria de persoeiros ou acontecementos relevantes daqueles anos.

Lugares de Represión = Lugares onde ficaron institucións do Estado que serviron para disciplinar ou castigar a disidencia política en periodos de goberno autoritario.

Lugares de Sociabilidade e Cultura = Lugares onde se realizaron actividades de divulgación e recreo, fortalecendo os lazos sociais entre os militantes e fomentando a pedagoxía das ideas libertarias.

Lugares de Resistencia = Lugares dende os que se levaron a cabo estratexias de resistencia, tanto en períodos regulares de enfrontamento contra o Estado ou a patronal, como en oposición ao alzamento militar de 1936.

Casas-Refuxio = Termo acuñado pola escritora Carmen Blanco para referirse ao conxunto de vivendas nas que, tra-lo golpe de Estado de 1936, escondéronse militantes libertarios e onde realizáronse reunións para organizar a acción de contraofensiva ao réxime fascista.

Lugares de Morte = Espazos onde o Réxime franquista levou a cabo de forma recurrente fusilamentos ou “paseos” de presos e disidentes políticos, así coma os lugares nos que estes corpos xacen, como tumbas e fosas comúns.


En relación ao segundo eixo de clasificación, o relativo ás comunidades de memoria que reivindican estes lugares no tempo presente, a clasificación é cuatripartita, pero a súa representación gráfica binaria (un icono cuadrangular para as duas primeiras categorías e un icono en forma de gota invertida para as dúas últimas):

Lugares reivindicados

Aqueles lugares de memoria que no momento presente seguen a formar parte dun marco de referencia socialmente compartido por algún grupo máis ou menos amplo e cun certo grao de definición. Un grupo que pon en funcionameto algún tipo de estratexia de reivindicación e actualización dos significados atribuidos ao lugar, por medio de marcas urbanas, sinalética, rituales de conmemoración, guías, roteiros, etc. Como son o caso do Cárcere da Coruña, reivindicado como lugar de memoria polo Proxecto Cárcere, ou o Memorial ás vítimas da folga de consumeiros de 1901, cuxa memoria é actualizada polo sindicato CGT da Coruña.

Lugares institucionalizados

Certos lugares de memoria foron respaldados, promovidos ou resignificados por institucións públicas, especialmente a partir de 2007, tra-la entrada en vigor la Lei de Memoria Histórica. Dende entón algúns concellos teñen respaldado institucionalmente a colectivos memorialísticos que reclamaban a posta en valor de certos lugares de memoria por medio de diferentes técnicas como sinalética, a oferta de visitas guiadas, ou incluso a creación de monumentos ou memoriales. Con lugares institucionalizados referímonos a aqueles lugares de memoria que forman parte dos circuitos culturais oficiais ou que foron erixidos por institucións públicas, como é o caso do monumento ás vítimas da represión franquista no Campo da Rata, erixido polo concello da Coruña.

Lugares á deriva

Pierre Nora postulou a dependencia dos lugars de memoria respecto dos marcos interpretativos socialmente compartidos, pero estes marcos non son estables, senón que varían, erosiónanse e incluso desaparecen ao longo do tempo, proceso a través do cal estes lugares tenden a perder o seu poder evocativo.

Con lugares á deriva referímosnos a aqueles lugares que nalgún momento estiveron comprendidos no marco de referencia dalgún grupo máis ou menos amplo, pero cuxa memoria foi desanclada, ben pola desaparición de ditas comunidades de memoria, ou ben por unha interrupción no proceso de reprodución desas memorias espacializadas, pero do que todavía persiste algunha liña de continuidade xa sexa a través dalgún axente memorialístico contemporáneo, un relato familiar ou certos elementos materiais ou documentais. Un exemplo deste tipo de lugares é o Campo de Artillería, onde estivo situado o Ateneo Libertario Generación Consciente.

Lugares íntimos

Aqueles lugares que están vinculados a experiencias persoais ou contextos familiares, cuxa referencia nunca trascendeu os límites dese grupo, pero que están conectados con acontecementos ou contextos históricos de gran trascendencia. Un exemplo destes lugares é a vivenda dos Otero-Villaverde ou a dos Torres Meitín.

O feito de que un lugar de memoria esté sinalado no mapa cun icono en forma de gota invertida, non quere dicir que ese lugar sexa necesariamente un lugar á deriva ou un lugar íntimo, pode significar que no marco desta investigación todavía non se atopou ningunha comunidade que o reivindique como lugar de memoria.