Trátase do conxunto de sinais, pegadas, distintivos, signos e vestixios presentes no territorio urbano que dan conta de certos acontecementos do pasado. Estes elementos urbanos conforman pezas a partir das cales pódese construir unha narrativa da cidade (Amin & Thrift, 2002) e que funcionan tamén como probas, que dan veracidade aos feitos narrados, apuntalando o relato. Ingold e Vergunst propoñen unha diferenciación entre pegadas, que serían aqueles signos que resultan da impresión sobre unha superficie, e as estampas, que serían o resultado dunha inscripción sobre a superficie (Ingold & Vergunst, 2008). Dun modo similar vou empregar unha distinción entre impresión e inscripción para clasificar os tipos de marcas urbanas, pero empregando a metáfora da epidermis urbana:
Cicatrices urbanas: Aqueles vestixios e pegadas do pasado que funcionan coma proba do acaecemento de certos sucesos históricos. En termos metafóricos as cicatrices urbanas serían as marcas accidentais sobre a epidermis urbana pero que, empregando a terminoloxía de Peirce, poderiamos considerar como índice dun acontecemento histórico. Un exemplo diso serían as marcas ou buratos de bala sobre un edificio, que dan conta dun tiroreo. Por suposto as cicatrices urbanas sen un marco explicativo son indescifrables.
Tatuaxes urbanas: Aqueles sinais que aportan información contextual sobre certos acontecementos do pasado ou significados dun lugar de memoria. Empregando a mesma metáfora, as tatuaxes urbanas serían a superposición dunha mesaxe por medio dunha linguaxe simbólica sobre a epidermis urbana. Un exemplo disto sería unha placa conmemorativa.
Amin, A. & Thrift, N. (2002). Cities: Reimagining the urban. Hoboken: Wiley.
Ingold, T. & Vergunst, J.L. (2008). Ways of Walking. New York: Routledge.