O 21 de xullo de 1937 foi asaltada unha casa-refuxio situada na rúa do Matadoiro, no momento en que dez anarcosindicalistas mantiñan unha xuntanza. Neste asalto foi abatido Luis Cheda Magallart e os outros nove foron detidos e posteriormente condenados a morte. O informe policial non da máis datos acerca deste emprazamento, pero é posible que se tratara do número 34 da rúa Matadoiro, corralón, departamento C, da que temos constancia polo informe Brandariz. Foi alí onde, de feito, residiu o topo da Guardia Civil durante a súa infiltración na rede anarquista, por ser esta a pousada onde estaba agochado José Brandariz. Esta vivenda do Matadoiro estaba rexentada por unha tal Benita, á cal o topo se refire xeralmente como la patrona, da que sabemos polos informes que era unha activa membro da rede de resistencia. Pola pousada deberon pasar numerosos militantes libertarios en busca e captura, pero neses días ademais do topo, a patrona e José Brandariz, estaban agochados a esposa de Brandariz, Carmen López Varela, a anarquista melidense Consuelo Grao Varela, e o anarquista José Benito, que compartía habitación co topo.
O primeiro informe do topo, que data do 3 de maio, comeza describindo o lugar: «Llego a mi domicilio en la calle Matadero, Nº34, al penetrar, al remate del portal, hay dos escaleras que dan a otras tantas viviendas; la primera según se entra a derecha, es la que conduce a la casa donde estoy, y esta misma escalera da entrada a la casa que da vista a la carretera (frente a la caseta de Carabineros) en esta se halla habitada por Brandariz y frente está la puerta donde yo paro». Tal como se reflexa ao longo do informe policial, esta vivenda serviu como lugar non só de refuxio, senón tamén de actividade clandestina, sendo o lugar onde José Brandariz recibía as visitas de “compañeiros dirixentes” e dun sobriño pertencente ao cuartel de Artillería que tiña «como enlace dándole cuenta del movimiento del cuartel y noticias que se saben del frente». Tamén era este lugar de reunións da rede de resistencia, como se pode apreciar no informe que o topo redactou o 12 de maio:
«Son las 10 de la noche cuando llego a la posada; al penetrar en mi cuarto me encuentro ya esperándome a José Brandariz y en la cama mi compañero anarquista José Benito; José Brandariz me dice, que hoy por la tarde recibió la visita de tres cabecillas, un tal Guillermo, de oficio panadero, este Guillermo es el que lleva el control de todos los escondidos y yo creo debe guardar toda la documentación y le sirven de enlaces un tal Calviño de oficio carpintero (…) y un tal Longueira, este Longueira estuvo preso y lo puso en libertad Wonemburguer».
Calviño era, segundo di o informe máis adiante, o encargado dos “escondidos”. A influencia desta casa-refuxio transcendía incluso o seu espazo físico pois, ao parecer, e segundo o topo pon en boca de Brandariz e da patrona, mesmo o tendeiro da esquina da rúa e incluso os carabineiros do posto de mando do Matadoiro estaban ao tanto das actividades que na casa se levaban a cabo, e incluso participaban nas manobras clandestinas.