En ocasións o tránsito das memorias colectivas por períodos prolongados de clandestinidade –en contextos de gran represión– producen non só unha volta á fase de memoria comunicativa, senon a atomización dos marcos compartidos da memoria. A desaparición destas memorias dos espazo público e a disolución, dispersión ou incluso eliminación física da comunidade de memoria que a sustenta, obriga a que a súa reprodución se leve a cabo en espazos e momentos moi circunscritos. Esta acotación dos espazos, momentos e mecanismos de reprodución da memoria produce unha quebra nos marcos compartidos da memoria que moitas veces non logran ser recompostos, nin ainda finalizado o periodo de clandestinidade, sobrevivindo tan só pezas ou fragmentos do que foi aquela memoria colectiva. Con todo, o termo de memorias atomizadas só cobra sentido nun marco comparativo dende unha perspectiva diacrónica, ao contrapoñelas co que en algún momento foi unha memoria compartida por un grupo máis amplo, pois dende a perspectiva dos portadores das memorias atomizadas, estas en ningún caso son parciais, senon que son compartidas no seo dunha comunidade, ainda que sexa de dimensións reducidas coma o núcleo familiar.