Métodos e técnicas de investigación

O dos lugares de memoria é un obxecto de estudo complexo no que se cruzan elementos materiais, empíricos, discursivos, identitarios e que, polo tanto, é preciso abordar dende diversos ángulos: prácticas, percepcións, recordos, significados, etc. Ademáis, no caso concreto do movemento libertario herculino de preguerra, apenas sobreviven coetáneos dos acontecementos aos que se remiten os relatos memorialísticos e que fundan os lugares de memoria. Trátase, polo tanto, dunha memoria que, empregando os termos de Jan Assmann, xa deixou atrás a fase de memoria comunicativa e ainda non alcanzou –quizais nunca o faga– a fase de memoria cultural. Por outra banda, alí onde estes relatos lograron reproducirse, e unha segunda ou terceira xeración recolleu testimonios ou fragmentos daquela memoria colectiva, o contexto represivo produciu un fenómeno de atomización e encapsulamento, e polo tanto a súa reprodución operouse por medio de diferentes liñas de memoria, non nun marco compartido.

Este proxecto de investigación require, polo tanto, dunha metodoloxía que, partindo das miradas e relatos dos informantes, compoña unha imaxe de conxunto da memoria do movemento libertario a través da súa dimensión espacial, e dé conta da incidencia desta memoria na identidade colectiva do barrio das Atochas – Monte Alto. Por outra banda debe atender tamén aos procesos de reprodución destas diferentes liñas de memoria. Dado que o punto de acceso principal a este campo de estudo é unha serie de informantes illados, e non tanto un contexto social susceptible de ser observado –ainda que esto tamén terá cabida (3.1)–, a recollida de testemuños e o diálogo cos axentes memorialistas será central nesta investigación, así como o uso de imaxes.

1) Metodoloxía dialóxica

Dende un punto de vista epistemolóxico unha metodoloxía dialóxica afástase da clásica distinción positivista entre suxeito investigador e suxeito/obxecto investigado, para concebir a investigación a partir do vínculo de colaboración establecido entre investigador e informante(s). Trátase, polo tanto, de establecer unha relación de horizontalidade que comprenda a investigación e os seus resultados como un proceso e unha produción colectiva.

Este tipo de colaboración ten como condición de posibilidade a simetría no acceso á información por parte dos axentes memorialistas que participen como informantes na investigación, así como a capacidade de decisión sobre o seu modo de participación nela, o cal trátase de lograr por tres vias: 1) A comunicación fluida e continua cos informantes dende o primeiro momento, cunha total transparencia nos obxectivos e métodos desta investigación, 2) Propoñendo a cada informante un modo de participar nesta investigación, sempre aberto a que plantexe variacións ou introduza propostas sobre a mesma, e 3) Publicando en aberto e en tempo real todos os datos e análises de investigación por medio desta páxina web.

A partir das experiencias, percepcións e significados que os informantes atesoran, e a través do vínculo establecido entre estes e investigador, ambos tratarán de achar respostas ás cuestións xerais de investigación, tales que ¿Cómo son producidos os lugares de memoria? ¿Qué acontecementos e contextos históricos os fundan? ¿Qué clase de narrativas os articulan e os conectan entre sí? ¿Cómo se actualizan os seus significados? ¿Como inciden na identidade colectiva do barrio? ou ¿Qué relación manteñen os veciños con eses lugares? Tamén se trata de dilucidar por medio deste vínculo o modo en que estas memorias foron conservadas e reproducidas ao longo do tempo, por medio dunha serie de cuestións máis vinculados á traxectoria persoal, familiar, militante ou profesional do informante. Para isto faranse entrevistas de carácter aberto, no que o investigador actúe como mero ointe activo en estado de atención flotante (Guber, 2001), cuxa función sexa facilitar o proceso de produción do testimonio, introducindo temas a tratar, a partir de tres formatos diferentes:

  • Entrevista sobre o relato memorialístico do informante e o proceso de (re)produción do mesmo, nun lugar vinculado á sua adquisición do mesmo. Nesta entrevista empregaráse, ademáis, a técnica da fotoelicitación (3.2)
  • Entrevista in situ nun lugar de memoria vinculado ao relato do informante.
  • Entrevista paseada, que adoptará o formato de conversa, onde se privilexie a expresión libre do informante ao longo do transcurso, conectando os diferentes lugares de memoria por medio do seu relato. Esta entrevista tan só será realizada a aqueles informantes cuxo relato memorialístico esté relacionado con máis dun lugar de memoria.

2) Etnografía móbil

A entrevista paseada é unha técnica pertencente á tracidión da etnografía móbil, que procede do denominado xiro corporal nas correntes fenomenolóxico-hermenéuticas da antropoloxía, e que parte da premisa de que o camiñar non se reduce ao tránsito entre dous puntos, senon que é un proceso que envolve toda unha gama de actitudes, expresións e formas de relacionarse cos outros e co espazo material, a partir de cuxa observación e práctica pódense extraer moitos datos empíricos abertos a análise e interpretación.

Segundo Ingold e Vergunst o camiñar é unha ferramenta social en sí mesma, que permite a (re)produción do coñecemento en certos contextos, como é o dos dogrib do noroeste de Canadá, os cales diferencian entre as historias orais e o verdadeiro coñecemento, que se acada cando esas historias son confirmadas por medio da experiencia persoal de seguir as pegadas e transitar os lugares nelas referidos (Ingold & Vergunst, 2008). Nun sentido similar, nesta investigación comprendemos o desprazamento coma unha ferramenta que permite reproducir certos coñecementos en forma de memorias espacializadas. Deste modo empregaremos as entrevistas camiñadas para transitar dos relatos memorialísticos á produción de información empírica in situ. Camiñar os relatos dos informantes xunto a eles, seguindo as pegadas ou marcas urbanas deixadas polos seus devanceiros, e rexistrar todo isto por medios (audio)visuais é unha forma excepcional, non só de xerar coñecemento en movemento, senon de outorgar significado a lugares concretos, rompendo dalgunha forma coa visión aséptica do espazo público urbano. Pois, como sinala Sarah Pink, os lugares son antes procesos que cousas, e dependen polo tanto do constante facer e refacer dos axentes de campo que por medio das rutas trazadas neste devenir, conectan as súas narrativas co espazo urbano, producindo os lugares de memoria (Pink, 2008).

3) Antropoloxía Visual

A antropoloxía visual foi definida por Ruby e Chalfen coma unha rama da antropoloxía cultural que se encarga do estudo das formas de comunicación humana non lingüísticas, do estudo dos produtos visuais da cultura, así como do emprego dos medios visuais para a presentación de datos de investigación etnográfica (Pink, 2006). Dende este punto de vista o visual sería tanto un obxecto de investigación como un medio para a produción de coñecemento e de reflexión. Nesta investigación imos empregar ferramentas de investigación (audio)visuais de tres formas diferentes: Para a produción e rexistro de datos de campo; Como medio de presentación deses datos e resultados de investigación; Para reflexionar en común cos informantes.

3.1) Produción de documentos audiovisuais

Todos os datos de campo desta investigación serán rexistrados por medios audiovisuais e presentados nesta páxina web, respondendo a duas premisas, a saber: 1) Que algúns elementos da experiencia humana son máis facilmente –ou únicamente– representables a través dos medios audiovisuais, como o son a xestualidade, a expresividade, os estados de ánimo, etc. 2) Que o audiovisual leva a experiencia de campo ao terreo da representación dunha forma máis directa que calquera tipo de produción escrita, ainda que, por suposto, isto non significa que desapareza a mediación do investigador (Pink, 2006).

Así as entrevistas de campo enténdense coma unha produción audiovisual froito da colaboración entre os axentes de campo e o investigador. Partindo dunha proposta estandarizada para cada tipo de entrevista, o investigador explicará primeiro as eleccións técnicas e o seu motivo, e logo, se fora o caso de que o informante quixera introducir algunha variación, estas serán negociadas polos dous. Unha vez seleccionado un formato de gravación –un tipo de plano, encadre, ángulo, disposición dos participantes, etc.– este non será variado ao longo da entrevista. Esto responde a dous motivos, en primeiro lugar á transparencia na mediación, de modo que as eleccións técnicas e compositivas sexan invariables unha vez decididas por informante e investigador, non dependendo da mirada e variacións do operador de cámara. En segundo lugar, e nun sentido semellante, se un formato é decidido e non se varía, este documento pode ser presentado á audiencia como produto final, sen apenas necesidade de edición ou postprodución.

Pero as entrevistas permiten tan só un acceso indirecto á experiencia e á visión dos informantes, xa que o diálogo sobre eventos e experiencias non vividas xera un tipo de análise e interpretación mediado pola palabra (Ghisloti & Torres Oliveira, 2018). As entrevistas paseadas teñen a intención de ampliar este espectro, e xunto ao relato do informante, introducir o elemento experiencial por medio do movemento (2). Pero nesta investigación propuxémonos outorgar á imaxe un papel central, e por iso imos producir outro tipo de documentos audiovisuais, aqueles que rexistren o modo en que os axentes de campo se relacionan cos lugares de memoria a través de celebracións, actos ou rituais.

Os rituais son un tipo de acción colectiva simbólica que ocupou boa parte da produción etnográfica e teórica dos antropólogos sociais. Ainda que os rituais poden ser analizados dende multitude de perspectivas, a que aquí nos interesa é a súa dimensión de actos performativos que traen ao presente contextos ou episodios do pasado, vinculándoos cun espazo –cun lugar de memoria cuxo significado é (re)actualizado en virtude desta acción– e un tempo –coa inserción deste ritual nun momento do ciclo anual, xeralmente a efeméride daquel suceso, e a reiteración dese episodios histórico e os seus significados–. Para dar conta destes rituais, e á hora de rexistralos por medios audiovisuais, debemos prestar especial atención a estes dous focos de interese. En primeiro lugar, e co fin de poñer o espazo no centro de atención, recurriremos ao concepto de Jun Sato de espazo protagónico, que se contrapón ao espazo pragmático nas diferentes modalidades de filmación de rituais. Mentres o segundo captura o espazo de forma entrecortada e fragmentaria, tratándoo coma mero soporte da acción ritual, o protagonismo do espazo acádase por medio da continuidade na filmación (Luning, 2006; Wanono, 2006). Así, para dar centralidade ao espazo, na gravación dos rituais fixaremos a cámara nun lugar e cun ángulo e un plano que non variarán ao longo da filmación, evitando calquera tipo de corte, e incluso calquera tipo de movemento de cámara, a cal non seguirá as accións dos participantes senón que permanecerá fixa nun marco espacial predefinido. Deste modo un espazo previamente delimitado, e acordado cos participantes, será o verdadeiro punto focal da filmación, mentres os diferentes actores entran e saen do plano –dese espazo–, levando a cabo diferentes accións. En segundo lugar, a cuestión temporal, pasa por diferenciar entre o propio momento do ritual –a experiencia vivida e representada, non mediada pola palabra, da que falaban Ghisloti e Torres Oliveira (2018), que será recollida por medio da filmación do ritual, é dicir, dende unha dimensión descriptiva– e o momento da verbalización, posterior á participación no ritual, con este como obxecto de reflexión, e que se realizará por medio de entrevistas a algúns dos seus participantes, pasando a unha dimensión narrativa na análise.

Con todo, o protagonismo concedido ao espazo non menguará a importancia da acción que nel se leve a cabo xa que, de feito, este modo de filmación axuda a limitar ao mínimo –ao momento previo á gravación– o que Nadine Wanono (2006) denominou filmmaker rethoric (retórica do realizador), composta polas múltiples (s)eleccións que o investigador e o operador de cámara deben tomar ao longo do proceso de gravación do ritual, e pon o foco sobre a retórica da acción do suxeito colectivo que o leva a cabo. Ao evitar a toma de decisións durante o proceso de filmación, así como na fase de postprodución –desbotando a montaxe do material audiovisual– prodúcese unha coincidencia entre a narrativa do filme e a narrativa intrínseca do ritual, ao non haber alteración na secuencia orixinal das acción, nin metraxe eliminado, respetando polo tanto a estrutura cronolóxica do ritual (Henley, 2006). O problema reside entón –segundo Henley– en que a interpretación deste tipo de eventos-secuencia queda sempre fora do propio filme. A forma en que nesta investigación trataremos de dar solución a este problema é precisamente por medio da produción do segundo tipo de documentos audiovisuais, as entrevistas aos propios participantes no ritual, de modo que sexan eles os que aporten a interpretación ao mesmo. Esta entrevista aporta non só a información adicional necesaria para unha comprensión do ritual como acción colectiva –a súa relación cun espazo concreto, o seu engarce cunha memoria colectiva, a súa intrahistoria, etc.– senón tamén unha exégesis dos propios participantes, en relación aos significados, motivacións persoais, cuestións identitarias, etc. Atendendo a estes dous momentos damos conta tanto da dimensión descriptiva como da dimensión narrativa do ritual (Wanono, 2006).

3.2) Fotoelicitación

A fotoelicitación é unha técnica que consiste símplemente na introdución de documentos fotográficos nunha entrevista de campo (Harper, 2002). É polo tanto unha técnica que mestrua o visual e o dialóxico, que permite que investigador e informante empreguen unha imaxe fotográfica como lugar de reflexión (González Granados, 2011) ou coma apoio visual para dialogar sobre un tema máis amplo co que a imaxe garda algunha relación. Pese á súa sixenleza, a fotoelicitación ten a virtude de outorgar ao informante un papel activo na investigación, ao introducir unha dimensión consensual na entrevista, durante a cal investigador e informante dalgunha forma negocian o significado sempre aberto das imaxes, buscando unha interpretación común (Arias, 2011; Harper, 2002; Ruby, 2002).

Nesta investigación imos empregar esta técnica nas entrevistas sobre os relatos memorialísticos dos informantes e os procesos de reprodución destas memorias. Para iso na pre-entrevista con cada informante solicitaremos documentos visuais relacionados coa súa memoria co fin de logo introducilos na entrevista. Xunto a cada un destes documentos solicitaremos unha pequena descrición na que se identifique momento e lugar de realización da imaxe –de ser posible–, así como a súa relación coa memoria do informante e co movemento libertario. Isto que Harper (2002) denominou photofeedback ou photo-self-elicitation, e que consiste en adherir á información visual unha capa de información textual, permítenos por unha banda aclarar o referente da imaxe e os elementos que a compoñen, e pola outra identificar esta imaxe cun relato memorialístico particular, o cal axúdanos a desentrañar a natureza polisémica das imaxes, que require da (s)elección de certos significados en detrimento doutros, sendo o texto, segundo Barthes, o que mellor cumple esta función de anclaxe, acotando a gama virtualmente infinita de significados posibles (Rose, 2012).

Unha vez aclarados estes puntos teremos a información esencial que nos permita empregar a imaxe coma ferramenta comunicativa. A partir destes obxectos visuais informante e investigador establecerán un diálogo que exceda o propio contido da imaxe para abordar temas máis amplos de investigación. Isto pode ocurrir pola facultade das fotografías de resorte da memoria e estímulo da palabra, que potencialmente activan un relato que desborda o propio documento e engarza coas memorias persoais, familiares e/ou militantes, pois os documentos visuais con carga histórica ou memorialista permiten conectar experiencias indivisuais cun pasado colectivo vivido ou transmitido (Harper, 2002).

Pero ademáis a introdución deste tipo de documentos pode levarnos á procura dalgunhas imaxes que garden relación non só coa memoria persoal e familiar do informante, senon tamén co espazo público do barrio. As fotografías teñen a capacidade de aprehender a textura dos lugares mellor que outros medios, xa que conteñen moita información imposible de transmitir mediante unha descripción textual e por ese motivo moitos xeógrafos empréganas para captar as calidades elusivas que definen o sentido de lugar (Rose, 2012). Así, en caso de que os informantes aporten fotografías tomadas no espazo público, e na súa descripción (photofeedback) relacionen estas con algún tipo de acontecemento ou contexto político, estes documento serán analizados por separado en colaboración co informante, tratando de decodificar o seu significado e pescudar se fundan ou gardan relación con algún lugar de memoria.

Por último, é importante sinalar que os documentos visuais teñen unha historia propia como obxectos condensadores da memoria, que vai máis alá do seu contido, e que ten que ver coa súa materialidade. Cada fotografía é rastrexable a través das súas marcas, cicatrices, remedos, manchas, anotacións… que suxiren que foron palpadas, choradas ou besadas durante moitos anos, o cal permite trazar unha sorte de biografía dese obxecto visual (López García, 2015; Kopytoff, 1991). Esta dimensión material ten moito que dicir ademáis sobre a propia reprodución das memorias –sobre como eses obxectos foron transmitidos dunha xeración a outra e sobre as narrativas e relatos que as acompañaron– e tamén sobre a relación persoal do informante con esas memoria. Desta forma, o modo en que unha fotografía é collida, mirada e tocada; o momento do relato no que se fai uso dela; e mesmo as marcas que contén, serán focos de atención no momento da entrevista.


Arias, D. (2011). El co-relato de la imagen fotográfica: la arqueología visual como metodología en la exploración de la memoria etnohistórica. Quaderns-e, No.16 (1-2). pp. 173-188.

Ghisloti, V. & Torres Oliveira, H. (2018). Walking Walking ethnography and interviews in the analysis of aesthetic experiences in the Cerrado. En Educ. Pesqui., vol. 44.

González Granados, P. (2011). La fotografía participativa como medio de investigación y análisis social. En Quaderns-e, nº16 (1-2), pp. 147-158.

Guber, R. (2001). La etnografía: Método, campo y reflexividad. Buenos Aires: Grupo Editorial Norma.

Harper, D. (2002). Talking about pictures: a case for photo elicitation. En Visual Studies, vol. 7, nº1, pp.13-26.

Henley, P. (2006). Narratives: the Guilty Secret of Ethnographic Film-Making? En Postma & Crawford (Ed.) Reflecting Visual Ethnography. Leiden: CNWS Publications.

Ingold, T. & Vergunst, J.L. (2008). Ways of Walking. New York: Routledge.

Kopytoff, I. (1991). La biografía cultural de las cosas: La mercantilización como proceso. En Appadurai (Ed.) La vida social de las cosas. México D.F.: Grijalbo.

López García, J. (2015). Pequeñas cosas de un tiempo de espinas. En Larraz Elorriaga (Coord.) Estudios de literatura, cultura e historia contemporánea: en homenaje a Francisco Caudet. Madrid: UAM.

Luning, S. (2006). Representing Rituals: to do and to see ritual practices. En Postma & Crawford (Ed.) Reflecting Visual Ethnography. Leiden: CNWS Publications.

Pink, S. (2006). The future of the Visual Anthropology. London: Routledge.

Pink, S. (2008). Mobilising Visual Ethnography: Making Routes, Making Place and Making Images. En Forum: Qualitative Social Research, Volume 9, No. 3, Art. 36.

Rose, G. (2012). Visual methodologies: An Introduction to researching with visual materials. London: Sage.

Ruby, J. (2002). Antropología Visual. En Revista Chilena de Antropología Visual, nº2. pp. 154-167.

Wanono, N. (2006). From Spatial Analysis to Virtual Wonder. En Postma & Crawford (Ed.) Reflecting Visual Ethnography. Leiden: CNWS Publications.