
O Monumento
O domingo 3 de xuño de 1906, ás 11 da mañá, no cemiterio de Santo Amaro, as sociedades obreiras da Coruña facían entrega ao concello, representado polo alcalde Antonio Lens, do monumento ás vítimas da folga de consumeiros de maio de 1901. O monumento, deseñado e construido en pedra artificial polo marmolista Sr. Cuadrado (LVG, 3/6/1906) sobre as tumbas dos obreiros mortos naqueles acontecementos, consiste nunha columna truncada sobre un amplo pedestal, cunha altura total de catro metros e medio. A cara principal do pedestal ten unha coroa de flores esculpida en cuxas cintas pódese ler “A las cíctimas de los sucesos del 30 y 31 de Mayo de 1901”, no reverso figura a lenda “Ergido por suscripción popular y por iniciativa de las sociedades obreras”, reservando os laterais para os nomes das oito vítimas da represión. O conxunto, dunha extensión duns 15m², está pechado por oito mouteiras unidas por unha balaustrada de bronce, no interior do cal ubicouse un pequeno xardín.

Ilustración aparecida en La Voz de Galicia o 3 de xuño de 1906
Este acto inaugural, no que os obreiros depositaron unha coroa de flores, e no que o xastre Eduardo Paredes fixo un discurso alusivo aos feitos ocurridos en maio de 1901, foi a culminación dunha iniciativa que xurdira nos días inmediatamente posteriores á represión daquela folga. Así, na primeira edición de La Voz de Galicia, aparecida tra-los incidentes, o 3 de xuño de 1901, xa se mencionaba a intención dos obreiros coruñeses de erixir un mausoleo conmemorativo:

La Voz de Galicia 3/6/1901
Non obstante o proceso foi lento, e aquel terreo destinouse nun primeiro momento a dar sepultura a sete dos oito facelidos durante a represión. Doña Josefa Corral, pertencente á burguesía coruñesa, e morta accidentalmente durante a contenda, cando unha bala perdida atravesara a galería da súa vivenda en San Andrés, fora enterrada xa o sábado 1 de xuño nun emplazamento diferente do cemiterio. Pola súa parte os sete obreiros descansaban nun conxunto sinxelo composto polas sete tumbas a nivel do chan, sobre as que se levantaban sendos árbores, nun pequeno xardín pechado por catro postes de madeira unidos por cordas e presidido por un tronco de pino tronzado e desgaxado que sustentaba unha coroa de flores no centro da cal se podía ler “A las cíctimas de los sucesos de mayo del 30 y 31 de Mayo de 1901”, e do que colgaban duas cintas coa lenda “Vuestro recuerdo jamás lo olvidarán los obreros del Universo” (LVG, 2/11/1902)

Ilustración aparecida en La Voz de Galicia o 1 de novembro de 1901
A idea de erixir un mausoleo conmemorativo quedara no aire ata que o 29 de maio de 1904, durante o mitin anual en recordo das vítimas e os feitos de maio de 1901, o presidente de La Antorcha Galáica del Librepensamiento, Marcial Lores, leu un discurso redactado polo tamén membro da Antorcha, José Sanjurjo, no que propoñían iniciar unha susripción popular para reunir os cartos necesarios cos que materializar o proxecto. A adquisición por parte das sociedades obreiras dos terreos nos que descansaban os obreiros era a primeria etapa deste proceso (LVG, 31/5/1904: pp.1 e 2). Unha vez conseguida a cesión gratuita por parte do concello, a sociedade de carpinteiros –á que pertencía Antonio Veiga, un dos obreiros mortos– comezou a colecta, que tiña como fin recaudar as 4000 pesetas necesarias para a erección do monumento. Unha comisión xestora presidida por Eduardo Paredes (da sociedade de xastres), con Manuel Ponte e Juan Dopico como secretarios, Félix Lendoiro como tesoureiro (os tres da sociedade de carpinteiros) e José Regueiro como contador, foi a encargada de coordinar o proxecto, conseguindo xuntar os recursos necesarios coa colaboración das sociedades obreiras da Coruña (especialmente carpinteiros e traiñeiros) e Vigo, o Sporting Club, o Casino Republicano, o Centro Gallego de Madrid e o de La Habana, así como a Reunión de Artesanos e Vanguardia Republicana.
(LVG, 18/3/1906; LVG, 3/6/1906).

Retrato de Eduardo Paredes, presidente da comisión, aparecido en La Voz de Galicia o 3/6/1903
A folga de consumeiros de 1901
Dende xullo do ano 1900 as sociedades obreiras herculinas viñan reclamando ás autoridades municipais a supresión do imposto de consumos nos produtos de primeira necesidade. Isto, unido ás pésimas condicións laborais nos fielatos, fixo que o Sociedade de Oficios Varios, pertencente á Federación Local Obrera da Coruña, convocara o xoves 30 de maio de 1901 unha folga de dependentes de consumos, que debía comezar con carácter inmediato. O descontento parcial coa situación convertiuse en indignación xeralizada entre os traballadores da cidade, segundo narra La Voz de Galicia o 3 de xuño, ao comprobar estes que o administrador da empresa arrendataria de consumos, Pedro Jiménez, trouxera doce traballadores andaluces para suplir aos empregados locais en folga.
A manifestación comezou cando os 140 consumeiros reunidos esa tarde no local de Oficios Varios dirixíronse sobre as 19h “en pequeños grupos, sin armas y en actitud tranquila” (LVG, 3/6/1901) cara as inmediacións da estación de ferrocarril, onde estaba previsto que chegaran os esquirois. Para esta hora os fielatos da cidade estaban xa custodiados pola Guardia Civil. Ás oito da tarde os folguistas dirixíronse cara o cercano fielato da rúa Cabaleiros, onde os traballadores andaluces estaban resguardados. Un sarxento da Guardia Civil tratou de impedir que os manifestantes avanzaran, pero foi inútil e, segundo o parte oficial, tras ser obxecto das pedradas dos manifestantes, os gardas abriron lume contra o grupo. Varias descargas de máuser lograron o obxectivo de dispersar aos manifestantes, arroxando o resultado de múltiples feridos de bala, que segundo a prensa burguesa da época foran feridos “de tal suerte que parece que huían o volvían la espalda cuando dispararon los guardias” (LVG, 3/6/1901), entre estes feridos atopábase unha nena de tres anos. O empregado de consumos Mauro Sánchez Vázquez, veciño da rúa da Torre de 24 anos de idade e con cinco fillos, morreu no instante á altura do número 42 da rúa Cabaleiros, ao ser atravesado o seu cráneo por unha bala.

La Voz de Galicia 3/6/1901
A mesma noite dese xoves 30 de maio tivo lugar, no local de Oficios Varios, unha xuntanza das sociedades obreiras na que estas decidiron convocar un paro xeral de toda a actividade económica e laboral na Coruña, que debía comezar o día seguinte e manteríase ata o domingo 2 de xuño. A situación era inédita na historia de Galiza, e inaudita para a prensa burguesa, que a calificouna como “la situación más anormal por que recordamos haya pasado ciudad alguna de nación civilizada” (LVG, 3/6/1901).

La Voz de Galicia do 3/6/1901
O venres 31 de maio sumáronse á folga todas as sociedades de oficios da cidade, o cal explica que non saira prensa algunha ata o 3 de xuño. Ademáis os obreiros fixeron piquetes para impedir calquera tipo de actividade comercial na cidade.
Os obreiros dos distintos oficios concentráronse nos seus locais sindicais, a maioría deles situadas nas inmediacións da rúa Orzán, concentración á que se sumaron os traballadores andaluces traidos pola empresa arrendataria dende Madrid, motivo polo que foron longamente aclamados polos obreiros herculinos. Nesta xuntanza decidiuse convocar unha nova manifestación, así coma un mitin, que inmediatamente sería prohibida polo gobernador civil. Ante esta situación as sociedades obreiras decidiron acudir en masa ao enterramento de Mauro Sánchez, a modo de manifestación encuberta.
O rexemento de cabalería levaba patrullando as rúas da cidade dende as 23h do día 30. Na mañá do venres 31 de maio tropas da Guardia Civil da provincia reconcentráronse na cidade, e dende primeira hora da tarde medio batallón de infantería e outro escuadrón de cabalería sumáronse ao continxente, que a primeira hora da tarde sería reforzado pola presencia no porto do destrutor Osado, enviado dende Ferrol. Foi esa mesma tarde que o gobernador civil resignou a súa autoridade no Capitán Xeneral, José Lachambre, e este pronunciou un bando militar (1e 2) declarando o partido xudicial da Coruña en estado de guerra, situación que estaría vixente máis de dous meses e medio, ata o 18 de agosto des mesmo ano. Tra-la declaración da lei marcial, unha sección da Guardia Civil a cabalo comandada polo tenente Pedro Vázquez saiu a patrullar as rúas da cidade.
Ás 16h unha comitiva duns tres mil obreiros iniciou o percorrido dende o locan la Rúa Alta, no que estaban concentrados, ata o cemiterio de Santo Amaro, pasando por Rúa Nova, Rúa Real, Rego de Auga, Praza de María Pita, Campo de San Agustín, Campo da Leña e Rúa da Torre. Á chegada ao cemiterio agardaba un enorme xentío que sumouse aos manifestantes. Unha vez concluido o enterramenteo o grupo de manifestantes iniciou o mesmo percorrido en dirección inversa.

Os altercados comezaron cara ás 17’30, cando as tropas disolveron un grupo de obreiros que se atopaban na rúa Rego de Auga, tras participar no enterramento. O toque de trompeta das tropas de infantería, cando chegaban á zona do Obelisco, chamou a atención de numeroros obreiros que se reuniran no local do Sindicato de Oficios Varios, na rúa Cordelería. Algúns rapaces comezaron a tirar pedras contra a Guardia Civil, ante o cal as autoridades responderon cunha carga de sabre (1 e 2), co resultado de varios feridos graves. Os obreiros que tiñan revolver empregárono, e a Guardia Civil fixo o mesmo cos seus mausers. Xa nas inmediacións da Rúa Nova, dende a sociedade obreira os manifestantes dispararon con fusiles Remingtoncontra as autoridades montadas, e estas responderon. O zapateiro Jacobo García foi abatido cando subía as escaleiras para resguardarse no local obreiro. O encontronazo de apenas media hora saldouse coa morte doutrasseis persoas: Antonio María Veiga, Francisco García Lodeiro, Benita García Torres, Manuela González Seijo, Josefa Corral e Antonio Bruno Orro, que tras recibir un balazo no peito que lle saiu pola espalda, logrou sobrevivir ata o domingo 1 de xuño. Igualmente houbo máis de corenta obreiros feridos de diversa consideración –algúns sufrindo amputación de brazos e pernas– e algún garda ferido leve.
Secuelas da folga
Na madrugada do 1 de xuño as autoridades comezaron a realizar detencións dalgúns dos obreiros que participaran na manifestación, tras ter solicitado á empresa arrendataria a listaxe de todo-los empregados de consumos en folga. Jesús Coria Fernández, Francisco López Iglesias, Juan Ramos, Diego López Quiroga, Vicente Fernández Naya, Juan Cebrián García, Manuel Mosquera Moreno e Crisóstomo de la Iglesia foron os primeiros obreiros recluidos no Castelo de San Antón. O domingo 2 de xuño, e tras unha reunión do capitán xeneral Lachambre cos representantes das sociedades obreiras, estas comprometéronse a rematar a folga e restablecer a orde, socilitando a cambio que as autoridades puxeran en liberdade aos detidos. En consecuencia os representantes das sociedades obreiras fixeron circular unha folla na que se pedía a volta ao traballo dende o luns 3 de xuño. Pese ao xesto, as detencións continuarían por varias semanas, chegando a superar a centena para mediados de xullo.
O 4 de xullo o capitán xeneral ditou un auto de procesamento contra os presidentes das sociedades obreiras, así como a disolución das mesmas. Dende o día seguinte e ata marzo do ano 1902 sucedéronse unha serie de consellos de guerra, dos que resultan condeados a prisión por sedición Manuel Mosquera Morano e Juan Santos Martínez, a seis anos cada un, así como Venancio González Escontrela a vinte, e Juan José Cebrián a doce (Capelán, 2003).


Retratos dos condeados realizados por José Gómez Naya para La Voz de Galicia en agosto de 1901
Pese a estas duras sentenzas, o Tribunal Supremo resolvería que o caso das sociedes obreiras e os seus dirixentes correspondía á xustiza ordinaria, a casusa sería sobreseida, e os obreiros postos en liberdade o 12 de setembro (Capelán, 2003). Quizáis neste resultado no ámbito xudicial tivera influencia a mobilización que os obreiros da Coruña emprenderan encol da liberación dos seus compeñeiros xa dende os primeiros días de detencións –e pese a que o estado de guerra mantivérase ata o 18 de agosto de 1901–, organizando unha serie de meetings tanto na Coruña, como en localidades próximas, e incluso fora de Galiza.
En contraposición, ningún membro das forzas de seguridade do Estado foi procesado polas mortes dos obreiros, ainda que o tenente da Guardia Civil Pedro Vázquez foi sometido a un tribunal de honor que concluiu coa súa expulsión da benemérita con motivo da sangreta represión. O ex-tenente sería contratado tra-la súa expulsión do corpo como teniente visitador general e novo xefe de persoal na empresa de consumos, á par que esta despedía a todo-los empregados que participaran na folga.
O 7 de febreiro de 1902 Pedro Vázquez sufriría un ataque con arma de fogo no Campo da Leña. O autor da agresión sería o anarquista Ricardo Cotelo Palleiro, ex-ferreiro e camareiro no vapor inglés Liguria. Ricardo buscaba vingar a morte dos seus amigos Francisco García Lodeiro (Carabel) e Antonio Bruno, da que se enterara pola prensa estando en Chile. Aproveitou a súa estancia na cidade, á que arribara o 10 de novembro, e na que ainda permanecía por motivo de enfermidade. O ataque produciuse cara a unha da tarde, á altura da capela de San Roque, cando o ex-tenente dirixíase de volta á súa casa, tras facer unha ronda. Ricardo asaltouno ao grito de «¡Toma! ¡Vengo al pueblo!» (LVG, 8/2/1902:1) realizando tres tiros co seu revolver, dos que tan só un alcanzou ao ex-tenente, penetrándolle tra-la orella e saindo pola súa meixela esquerda, pero resultando ferido leve. Ambos homes comezaron un forcexeo cando se achegaron un garda civil e un municipal, que ameazaron co seu sabre a Ricardo, o cal non presentou resistencia. Cando o agredido retirábase cara un cuartel cercano, os veciños arremolinados abrironlle camiño mentres lle proferían reproches e ameazas: «¡Es el criminal de Mayo! – Espérate, no corras, ¡hay que rematarlo!» (LVG, 8/2/1902:1). Tras serlle feitas as curas no cuartel, Pedro Vázquez foi acompañado por un cabo e dous soldados armados con bayoneta de cara ao Campo da Leña, pero non lograron avanzar, e tiveron que regresar ao cuartel. A nova aparecida en La Voz de Galicia o día seguinte ao ataque, insinuaba algunha conexión entre Cotelo Palleiro e Michele Angiolillo, magnicida responsable da morte do presidende do goberno, Cánovas del Castillo, tan só uns anos antes, en 1897. Cotelo foi acusado de «asesinato frustrado, con los agravantes de alevosía y ensañamiento» (LVG, 8/2/1902:2).

Fotografía do Campo da Leña a comezos do século XX
A construción dunha memoria dos feitos
A folga de consumeiros e a represión desencadeada contra os seus participantes quedou fixada na memoria colectiva do movemento obreiro herculino e ibérico por moitos anos. A construción desta memoria, é dicir, a elaboración dunha interpretación dos feitos propia do movemento obreiro de orientación anarquista xunto coa articulación dos mecanismos para reproducila, iniciouse nos momentos inmediatamente posteriores aos sucesos. Os medios empregados durante os primeiros meses para este fin foron fundamentalmente dous, por un lado a prensa obreira, da que por desgracia apenas conservamos exemplares da época, ainda que sí algunhas referencias de fontes secundarias, polo outro a serie de meetings organizados polas sociedades obreiras, tanto na cidade como noutros puntos de Galiza e do Estado. A meirande parte deses meetings tiñan un carácter máis político que conmemorativo, coa reivindicación da liberación dos compañeiros ainda presos como eixo principal, pero sempre aproveitando a ocasión para recapitular sobre os feitos de maio, que normalmente se facía dende a mesa presidencial e por medio dalgún dos oradores principales, o cal era completado polo público asistente, ao facer varios obreiros uso da palabra para dar a súa versión dos feitos ou compartir a súa vivenza daquela xornada. Esta forma de aproximación a uns feitos tan recentes e traumáticos para o movemento obreiro tiña duas características relevantes dende o punto de vista da construción dunha memoria colectiva, en primeiro lugar, o seu carácter reiterativo, que axudou a fixar o recordo sobre os feitos e tamén a asentar os consensos sobre a interpretación dos mesmos, en segundo lugar, a súa forma aberta, na que o marco interpretativo dos feitos constrúese no diálogo e debate entre os múltiples, e non a través da articulación discursiva dunha elite dirixente. Neste diálogo comezaron a poñerse en circulación algunhas expresións que axudaron a fixar unha certa interpretación dos feitos: “mártires de Mayo”, “asesinos de Mayo”, “memorable jornada”, “día de gloria”, “derramamiento de sangre”, etc. Moitas destas expresións pasarían a ser elementos importantes na elaboración dun relato dos feitos propio do obreirismo coruñés, xunto a outros recursos como a comparación das xornadas de maio con outros episodios memorables e de grande repercusión dentro da historia recente do movemento obreiro, como os de Montjuïc (LVG, 9/12/1901).
Moi pronto comezou a elaborarse todo un repertorio simbólico en referencia aos feitos de maio que revestiu os diferentes actos organizados polo movemento obreiro. Xa o día 30, tra-la morte de Mauro Sánchez, as sociedades obreiras fixeran colgar das súas sedes crespóns negros en sinal de luto, e os obreiros comezaran a empregar brazaletes feitos con cintas da mesma cor. Esta simboloxía de duelo mantívose e ampliouse durate os meses e anos posteriores –tendo incluso unha liña de continuidade ata o presente– como podemos ler na edición de La Voz de Galicia do 14 de outubro de 1901 acerca do meeting celebrado o día anterior: «Pendiente de la balconada de la meseta se destacaba una hermosa corona de flores naturales, de buen tamaño, y rodeada con cintas negras, en las cuales se leía: “A las víctimas de Mayo, los obreros de La Coruña”. Entrelazadas en la muchedumbre figuraban no pocas mujeres. Vestían muchas de luto». Ao finalizar este acto os obreiros da Coruña emprenderon unha manifestación cun percorrido que remataba no cemiterio, ante a tumba dos obreiros represaliados, sobre a que se depositou a coroa de flores que presidira o meeting, xunto a outra enviada polos obreiros que permanecían recluidos na prisión militar, coa lenda “A las víctimas de Mayo, sus compañeros presos” (LVG, 14/10/1901). A realización deste tipo de itinerarios, que foi reiterada ao longo do tempo, tivo probablemente un efecto de fixación da memoria tanto interno, cara o colectivo obreiro, por medio da ritualización desta memoria, como de cara a fora, irrumpindo simbólicamente no espazo público urbano e ensanchando os límites da súa comunidade de memoria (Navarro, 2014).
O aniversario dos feitos repersivos convertiuse tamén nun elemento simbólico central na construción dunha memoria colectiva sobre as xornadas de maio, ao introducir o relato obreiro no calendario conmemorativo da cidade e, polo tanto, adaptala a un formato temporal cíclico. O primeiro cabodano celebrouse o 10 de agosto de 1902 –debido a que durante os meses de xuño e xullo a praza de touros da Coruña estaba ocupada con outras actividades (LVG, 1/6/1902)– cun mitin enteiramente adicado á memoria dos sucesos de maio e ás súas vítimas, ao que asistiron uns mil cinconcentos obreiros. A ocasión serviu a Germán Barreiro, da sociedade de carpinteiros, para incidir unha vez máis na necesidade de «que se graben las fechas de 30 y 31 de Mayo y los nombres de los muertos en una lápida de marmol y que el Ayuntamiento atienda en todo tiempo al cuidado de sus tumbas». Entre as conclusións deste mitin figura a petición ao concello, por parte das sociedades obreiras, dun cambio de nomenclatura no rueiro, pasando a chamar rúa Victimas de Mayo á rúa Alta (LVG, 11/8/1902).
Para o segundo cabodano, celebrado o 31 de maio de 1903 no CES Germinal, a coral obreira Unión y Libertad representou o boceto dramático Los mártires de la idea, acompañado dunha serie de poemas e outros textos sobre a represión de 1901, escritos por obreiros coruñeses (LVG, 30/5/1903). Do argumento desta obra e o transcurso da velada non temos maior información, pero sí conservamos unha descripción aparecida en La Voz de Galicia na súa edición do 30 de xuño dese mesmos ano, tan só uns días despois, sobre unha nova obra teatral interpretada pola mesma compañía e escrita polo obreiro Agustín Delgado, con nome “Mayo 1901-1903”. Este drama en catro actos interpretárase o 28 de xuño durante a inauguración do local de Unión y Libertad na rúa de Riazor. A detallada descripción de La Voz de Galicia, que a califica como epopea obreira, contén incluso citas do libreto, como esta que alude ao memorable da data do 30 de maio:
«¡Fecha siempre memorable
que guardará el mundo obrero
que clama contra el dinero
por creerlo detestable…!»
O domingo 29 de maio de 1904 tivo lugar no Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán o último cabodano do que temos constancia. O día anterior as sociedades obreiras repartiran unha folla chamando á participación.

Estracto da folla aparecida en La Voz de Galicia o 29/5/1904
A este mitin asistiron tan só duascentas persoas, o cal deu mostra do esgotamento deste formato como eixo vertebrador na reprodución da memoria dos feitos de maio de 1901. Sen embargo, foi precisamente nesta ocasión que se emprendeu definitivamente o proxecto de levantamento do mausoleo ás vítimas no cemiterio. Esta idea fora reiterada polos obreiros e as súas sociedades dende maio de 1901, pero houbo que agardar tres anos ata que, a iniciativa de Marcial Lores e José Sanjurjo, abriuse unha subscrición popular (LVG, 31/05/1904). Esta actividade, que concentraría os esforzos das sociedades obreiras ata a súa inauguración o 3 de xuño de 1906, significou un paso máis na consolidación dunha memoria cultural dos sucesos de maio. O intento do movemento obreiro por fixar a memoria daqueles feitos dun modo perdurable foi evidente dende un primeiro momento, a través de estratexias como a produción de textos e obras de arte, a ocupación do espazo público, a ritualización do recordo ás vítimas e aos feitos, a celebración de efemérides e as iniciativas como as de renomear o rueiro. O proxecto de realización dun mausoleo foi un paso máis alá neste programa, ao dar un formato material e permanente a esta memoria, ao convertila nunha forma de patrimonio obreiro, o único que de feito sobrevive ata hoxe.
A construción do mausoleo foi o último grande esforzo realizado polas sociedades obreiras na consolidación dunha memoria dos feitos de maio de 1901. Temos referencias que nos permiten conxecturar que ata os anos 30 os obreiros coruñeses seguiron concibindo ese espazo do cemiterio municipal como un lugar de memoria, pois as ofrendas florais continuaron a celebrarse, especialmente no día de defuntos (LVG, 3/11/1908; 2/11/1914; 2/11/1923; 2/11/1928), pero é evidente que a memoria destes feitos foi perdendo forza simbólica dentro do movemento obreiro nos seguintes anos, probablemente debido á actividade frenética do anarcosindicalismo coruñés e á sucesión de datas memorables, como a consecución da xornada de oito horas no ramo da construción tra-la folga dese mesmo ano de 1906.
Non sabemos cal foi a relación que o devastado movemento obreiro puido gardar co mausoleo a partires de xullo de 1936, pois a prohibición da prensa obreira e a ausencia de referencias na prensa burguesa –máis alá dunha revisión edulcorada dos feitos aparecida en La Voz de Galicia en maio de 1964 e asinada polo cronista oficial da cidade, Juan Naya– impide coñecer si se produciu un fenónmeno de desanclaxe total entre este lugar e a comunidade que mantiña a súa memoria, ou si esta se mantivo nun contexto de clandestinidade. En todo caso, é claro que durante a ditadura impúxose un réxime de esquecemento respecto dos fitos do movemento obreiro libertario da cidade, pero que dalgún modo a memoria sobre as xornadas de maio de 1901 sobreviviu como memoria de resistencia reproducíndose a través de certos mecanismo, probablemente moi vinculados a este lugar e á súa materialidade. Non é casual que o único monumento obreiro da cidade sexa o lugar de memoria onde se celebra a única cerimonia con carácter anual vinculada á memoria obreira libertaria. Así, a primeira nova que temos sobre o mausoleo tra-la transición data de maio de 1984, cando cando a Federación Local Obrera, adscrita á CNT, convocou aos seus simpatizantes e afiliados a celebrar o primeiro de maio no cemiterio de Santo Amaro, por medio dunha ofrenda floral aos obreiros mortos durante a folga de consumeiros (LVG, 29/4/1984). Dende esa data non deixou de celebrarse este acto, trazando unha liña de continuidade na reivindicación do monumento como lugar de memoria do anarcosindicalismo coruñés que dura ata hoxe, por medio da convocatoria anual que a central sindical coruñesa da CGT fai cada primer domingo de xuño. Este acto é en boa medida unha repdodución da cerimonia inaugural do mausoleo, celebrada tamén na mañá do primeiro domingo de xuño de 1906, e consistente igualmente nunha entrega floral e nun relato dos feitos históricos, que naquela ocasión fora feita por Eduardo Paredes.
Entrega floral da CGT da Coruña, 2019, cámara 2
É importante sinalar que este mesmo sindicato, a CGT, celebra anualmente o primeiro de maio cunha manifestación cuxo percorrido é moi similar a aquel levado a cabo polos obreiros coruñeses o 31 de maio de 1901.

Aunque la primera noticia de LVG sobre el homenaje anual en el monolito a las víctimas de la represión de 1901 es de 1984, la realidad es que la veníamos realizando ya quizás desde el año 1981, al menos, sin que la prensa local se hiciese eco del acto. En cuanto a qué pasó entre 1936 y 1981, recuerdo que, antes de que comenzásemos a hacer el homenaje anual, en mis visitas al cementerio de San Amaro los Primeros de Mayo de los años anteriores, siempre encontraba flores frescas al pie del monolito, concretamente claveles rojos. Estaba claro que el recuerdo de aquellos compañeros y compañeras asesinados había pervivido en los años de la dictadura de Franco y que su memoria siguió viva entre una parte del obrerismo coruñés.
Finalmente, quiero felicitaros por la página y el excelente artículo que habéis redactado sobre los acontecimientos. ¡Ánimo y adelante!