A Coruña era, segundo o cronista político de comezos do século XX Sangro y Ros de Olano, unha “colonia libertaria” e un “cantón sindicalista”. Esta sona fora gañada ao longo dun dilatado proceso de mobilización obreira que comezara cunha serie de conflitos gremiais a mediados do século XIX e dotárase dunha certa estrutura coa fundación en 1871 da Federación Local Obrera, integrada na AIT da Iª Internacional. Esta organización, cunha orientación anarco-colectivista nos seus primeiros anos, agrupou a máis dunha vintena de sociedades de resistencia de diferentes oficios. Logo da adopción no ano 1881 dos postulados anarco-sindicalistas, e o desenvolvemento de estratexias e ferramentas como a folga de oficios, as caixas de resistencia ou a acción directa, a FLO logrou plantar cara a moitos dos abusos da patronal e obtivo non poucas vitorias fronte ao capital, algunhas delas pioneiras no contexto estatal.
Un dos episodios máis tráxicos, que deixaría pegada no movemento obreiro internacional durante décadas, foi a folga de consumos de maio de 1901, primeira folga xeral galega. Tras comezar as mobilizacións na rúa esta foi reprimida pola garda civil, cobrándose a vida de oito obreiros, así como producindo decenas de feridos e máis de cen detidos. Outro punto de inflexión na historia da FLO sería a folga da construción de 1906, que rematou co establecemento da Junta Mixta de Conciliación e deu lugar á primeira negociación colectiva do Estado e á consecución por primeira vez da xornada laboral de oito horas neste sector. Despois da integración da FLO na Confederación Nacional del Trabajo en 1910, a coordinación nas accións a nivel estatal permitiu afrontar novos retos e formas de mobilización, como a folga xeral revolucionaria e antidinástica de 1917. As loitas laborais continuaron e a folga xeral de estibadores de 1920 e, sobre todo, a folga do ramo da construción de 1933 marcaron novos fitos. En outubro de 1933 tres mil obreiros paralizaron a actividade económica da cidade durante seis meses, desenvolvendo toda unha serie de experiencias autoxestionarias que permitiron que as reivindicacións obreiras non esmorecesen pola fame e a carestía. A folga remataría coa consecución da xornada laboral de seis horas no ramo da construción así coma os subsidios por enfermidade. Esta capacidade organizativa e de mobilización fixo que para o ano 1936 a CNT coruñesa contase xa con máis de 14.000 afiliados, conformándose como o sindicato de masas da cidade.
Estas redes de apoio mutuo establecidas pola FLO/CNT no ámbito laboral tiñan a súa correspondencia no eido social grazas ao desenvolvemento dunha complexa malla de locais e institucións culturais e educativas libertarias con presenza en todos os barrios da cidade; imprentas obreiras e xornais anarquistas, así coma quioscos para a súa distribución; sociedades e comités de defensa de dereitos básicos e necesidades materiais, como a vivenda; grupos feministas; colectivos de propaganda da Idea; clubes deportivos e corais… moitas delas clandestinas ou sometidas a prohibicións gobernativas reiteradas. Esta situación levou ao historiador Óscar Freán (2009) a afirmar que na Coruña do contexto previo ao golpe de Estado existira unha sorte de contra-sociedade libertaria.