Refuxios da Memoria

Refuxios da Memoria é un proxecto de investigación sobre as memorias colectivas (1) acerca do movemento libertario coruñés (2) e a forma en que estas se espacializan no barrio das Atochas – Monte Alto (3)

Dende a instauración, en xullo de 1936, do rexime totalitario franquista, as memorias das comunidades políticas disidentes foron eliminadas do espazo público, e os seus portadores perseguidos. Toda actividade reivindicativa na rúa foi prohibida e duramente sancionada; os locais sindicais, culturais e de encontro do movemento obreiro foron expropiados; e todo resquicio material foi purgado, mediante a queima de bibliotecas enteiras e a eliminación de toda clase de documentación. O Réxime tentou non só eliminar o movemento obreiro do espazo público, senon tamén exercer unha verdadeira damnatio memoriae (4) sobre todo vestixio material daquela memoria. Pola súa banda as persoas portadoras desas memorias foron tamén perseguidas polo novo poder instaurado e, en moitos casos, duramente represaliadas: executadas, encarceradas, exiliadas ou símplemente sometidas ao que Francisco Ferrándiz (2011) denominou a pedagoxía do sangue. O resultado desta persecución foi a perda física de moitas destas persoas portadoras de memoria; o silencio (6) de moitas outras como estratexia de conservación da vida, producindo unha interrupción nos mecanismos de reprodución das mesmas; así como a reclusión ao espazo íntimo –xeralmente do fogar familiar– dalgunhas outras destas memorias, dende onde en ocasións lograron reproducirse durante décadas a través dos relatos familiares. Deste modo as memorias colectivas disidentes ficaron atomizadas (7), e as que perduraron ata hoxe fixérono recluidas en espazos íntimos convertidos en verdadeiros refuxios da memoria (8).

Con todo, a furia exterminadora (Ferrandiz, 2001) exercida polo franquismo non logrou eliminar todos os fragmentos materiais que compoñían estas memorias, nin tampouco colapsar por completo os mecanismos de reproducción das mesmas. Este proxecto de investigación céntrase nunha parte destas memorias, a do movemento obreiro libertario, e alínéase no programa epistemolóxico de Walter Benjamin para a reconstrución dunha historia crítica a partir das ruinas e refugallos deixados polos vencedores, e dos fragmentos e vestixios (materiais e inmateriais) conservados polos oprimidos durante décadas ao amparo dos seus refuxios de memoria.

Refuxios da Memoria é un proxecto de antropoloxía visual (16.3) cuxo obxectivo principal é a produción de documentos audiovisuais que recollan relatos orais acerca dos lugares de memoria (10) libertaria das Atochas-Monte Alto –así como acerca das rutas e itinerarios (11) que os conectan– e a inscripción destes relatos nun contexto espacio-temporal determinado, co apoio noutras fontes orais, documentais e hemerográficas. Na produción destes documentos audiovisuais empregaremos unha metodoloxía dialóxica (16.1), así coma algunhas técnicas provintes da etnografía móbil (16.2), e a imaxe (18) xogará un papel central, na presentación dos resultados de investigación.

Os documentos producidos servirán para estudar, no marco desta investigación, a incidencia que estes lugares e os relatos memorialísticos (12) a eles asociados teñen na identidade colectiva (13) do barrio das Atochas-Monte Alto; así como para analizar os procesos, canles e mecanismos de reprodución (14) vinculados a estas memorias. Pero estes documentos, ademáis, serán compartidos en aberto nesta plataforma web cunha licencia Creative Commons (Y), de modo que podan ser empregados por outros investigadores.

Nesta web atoparás un mapa (19) que, partindo daquelas memorias atomizada e poñéndoas en común –mediante a interseccións de miradas, o cruce de relatos e a superposición de capas de información (17)– propoña unha cartografía da memoria libertaria de Atochas-Monte Alto, así como de acceso aos documentos audiovisuais vinculados a cada lugar de memoria. Na sección rostros e voces (20) atoparás algúns documentos audiovisuais nos que os axentes de campo abordan as súas historias familiares ou militantes, e cuestións relacionadas á identidade do barrio. Pola súa banda, na sección dona memoria (21) calquera usuario poderá compartir información ou documentación acerca do movemento obreiro libertario coruñés. Por último atoparás un Repositorio onde se irán subindo artigos analíticos acerca dalgúns dos temas de interese desta investigación, así coma outros que poidan ser realizados por investigadores alleos a este proxecto, pero que empregen os documentos producidos no marco desta intestigación.


NOTAS

(1) Memorias colectivas

A memoria colectiva é a interpretación particular que un grupo ten sobre un suceo ou contexto histórico e social determinado (García, 2014). O termo foi acuñado por Maurice Halbwachs a finais do século XIX para contrarrestas a concepción individualista e inmutable da memoria que ata entón era dominante. O fundamental da perspectiva de Halbwachs é que enmarca a memoria nun horizonte de interpretación social que a posibilita e determina, situando o recordo na esfera comunicativa. Esta perspectiva construtivista e presentista concibe dun modo dinámico a nosa relación co pasado, entendendo a memoria como un discurso que se actualiza continuamente dende o presente por medio de dispositivos de selección, interpretación e descripción que toman como materia prima unha serie de documentos, memorias privadas e recordos compartidos (Baer, 2011; Iniesta, 2009).

As memorias colectivas son múltiples e diversas –en contraposición aos discursos históricos, que evocan consencualismo e aspiran a ser hexemónicos– e dependen sempre de comunidades de memoria (22) que as elaboren, actualicen e reivindiquen, así como dos mecanismos que desenvolvan e das canles que se empreguen para a súa reprodución (14).

(2) Movemento libertario coruñés

A Coruña era, segundo o cronista político de comezos do século XX Sangro y Ros de Olano, unha “colonia libertaria” e un “cantón sindicalista”. Esta sona fora gañada ao longo dun dilatado proceso de mobilización obreira que comezara cunha serie de conflitos gremiais a mediados do século XIX e dotárase dunha certa estrutura coa fundación en 1871 da Federación Local Obrera, integrada na AIT da Iª Internacional. Esta organización, cunha orientación anarco-colectivista nos seus primeiros anos, agrupou a máis dunha vintena de sociedades de resistencia de diferentes oficios. Logo da adopción no ano 1881 dos postulados anarco-sindicalistas, e o desenvolvemento de estratexias e ferramentas como a folga de oficios, as caixas de resistencia ou a acción directa, a FLO logrou plantar cara a moitos dos abusos da patronal e obtivo non poucas vitorias fronte ao capital, algunhas delas pioneiras no contexto estatal.

Un dos episodios máis tráxicos, que deixaría pegada no movemento obreiro internacional durante décadas, foi a folga de consumos de maio de 1901, primeira folga xeral galega. Tras comezar as mobilizacións na rúa esta foi reprimida pola garda civil, cobrándose a vida de oito obreiros, así como producindo decenas de feridos e máis de cen detidos. Outro punto de inflexión na historia da FLO sería a folga da construción de 1906, que rematou co establecemento da Junta Mixta de Conciliación e deu lugar á primeira negociación colectiva do Estado e á consecución por primeira vez da xornada laboral de oito horas neste sector. Despois da integración da FLO na Confederación Nacional del Trabajo en 1910, a coordinación nas accións a nivel estatal permitiu afrontar novos retos e formas de mobilización, como a folga xeral revolucionaria e antidinástica de 1917. As loitas laborais continuaron e a folga xeral de estibadores de 1920 e, sobre todo, a folga do ramo da construción de 1933 marcaron novos fitos. En outubro de 1933 tres mil obreiros paralizaron a actividade económica da cidade durante seis meses, desenvolvendo toda unha serie de experiencias autoxestionarias que permitiron que as reivindicacións obreiras non esmorecesen pola fame e a carestía. A folga remataría coa consecución da xornada laboral de seis horas no ramo da construción así coma os subsidios por enfermidade. Esta capacidade organizativa e de mobilización fixo que para o ano 1936 a CNT coruñesa contase xa con máis de 14.000 afiliados, conformándose como o sindicato de masas da cidade.

Estas redes de apoio mutuo establecidas pola FLO/CNT no ámbito laboral tiñan a súa correspondencia no eido social grazas ao desenvolvemento dunha complexa malla de locais e institucións culturais e educativas libertarias con presenza en todos os barrios da cidade; imprentas obreiras e xornais anarquistas, así coma quioscos para a súa distribución; sociedades e comités de defensa de dereitos básicos e necesidades materiais, como a vivenda; grupos feministas; colectivos de propaganda da Idea; clubes deportivos e corais… moitas delas clandestinas ou sometidas a prohibicións gobernativas reiteradas. Esta situación levou ao historiador Óscar Freán (2009) a afirmar que na Coruña do contexto previo ao golpe de Estado existira unha sorte de contra-sociedade libertaria.

(3) Atochas – Monte Alto

As Atochas xurdiron no século XVIII coma un conxunto de vivendas e terras de labradío que conformaban unha pequena aldea extramuros. A progresiva instalación na península da Torre de Hércules dunha serie de industrias e cuarteis, así como o derrubo das antigas murallas da cidade no ano 1850, deron pé á súa conformación como barrio residencial obreiro, que acolleu a boa parte dos traballadores migrantes que acudiron á Coruña dende outras vilas e lugares do país. Esta periferia sería a partir do século XX un importante foco irradiador do movemento obreiro, sendo sede de importantes sindicatos, ateneos culturais e libertarios ou cooperativas de vivenda, así como lugar sometido a unha espacial represión tras o golpe de Estado militar de 1936. Monte Alto é a prolongación deste barrio cara á Torre de Hércules producida na segunda metade do século XX, o cal produciu a incorporación a este continuo urbano de emplazamentos coma o cemiterio de San Amaro e o Cárcere.

(4) damnatio memoriae

Expresión latina que significa “condena da memoria” que ven a definir o borrado ou eliminación que se exerce sobre a memoria dunha persoa concreta, e de cuxa práctica temos constancia dende o antigo Exipto. Esta relegación ao ostracismo post mortem consistía, no caso romano, nunha condena decretada polo Senado en virtude da cal a maquinaria estatal comezaba o proceso de destrución das pegadas e vestixios da existencia da persoa referida: retratos, monumentos, inscripcións e referencias en textos eran eliminados, chegando incluso ao punto de prohibir a súa mención.

Esta operación continuo realizándose ao longo da historia en diferentes períodos, pero neste caso referímonos a unha eliminación non tanto da memoria de persoeiros concretos, senon dunha comunidade política enteira, por medio da destrución de todo elemento material a ela vinculado: panfletos, xornais, libros, carnets, bandeiras, fotografías, retratos… algúns dos cais sobreviviron pola súa conservación no espazo íntimo do fogar, agochados baixo terra durante anos –é o caso da maleta Villaverde (http://culturagalega.gal/noticia.php?id=19221)– ou facendo a viaxe de fuxida cara ao exilio, xunto a algúns portadores desa memoria.

(6) Silencio

O silencio das vítimas da persecución política responden, en primeiro lugar, a unha estratexia de supervivencia no momento de maior intensidade represiva, en virtude da cal é necesario ocultar o pasado militante ou de relación con certos sectores políticos e sociais, co fin de evitar ser obxecto de actos represivos, e conservar a vida e a liberdade. Nun segundo momento, e como prolongación desta estratexia en tempos de estabilidade do Réxime represor, en moitas ocasións o silencio envolve tamén o espazo familiar, interrúmpíndose todas as canles de reprodución da memoria (14) sobre o pasado político de membros da familia, para evitar a perda de control sobre información perigosa e a estigmatización das seguintes xeracións. Isto chega ao punto de obscurecer a figura dalgún familiar represaliado ou exiliado, sobre o que non se fala e ao que rodea un aura de misterio. Pero o carácter traumático desta experiencia e a imposibilidade de falar dela, produce o que en termos psicoanalíticos se denomina represión ou dislocación dos recordos (Zamora, 2011), no que tamén o intento de olvido desa experiencia é bloqueado. En tempos de democracia, unha vez recuperados os dereitos de liberdade política e de expresión, en moitas ocasións prolónganse o bloqueo daquel trauma e o silencio de moitos dos superviventes e testemuñas daqueles acontecementos históricos.

(7) Memorias atomizadas

En ocasións o tránsito das memorias colectivas (1) por períodos prolongados de clandestinidade –en contextos de gran represión– producen non só unha volta á fase de memoria comunicativa (14), senon a atomización dos marcos compartidos da memoria. A desaparición destas memorias dos espazo público e a disolución, dispersión ou incluso eliminación física da comunidade de memoria (22) que a sustenta, obriga a que a súa reprodución se leve a cabo en espazos e momentos moi circunscritos. Esta acotación dos espazos, momentos e mecanismos de reprodución da memoria (14) produce unha quebra nos marcos compartidos da memoria que moitas veces non logran ser recompostos, nin ainda finalizado o periodo de clandestinidade, sobrevivindo tan só pezas ou fragmentos do que foi aquela memoria colectiva. Con todo, o termo de memorias atomizadas só cobra sentido nun marco comparativo dende unha perspectiva diacrónica, ao contrapoñelas co que en algún momento foi unha memoria compartida por un grupo máis amplo, pois dende a perspectiva dos portadores das memorias atomizadas, estas en ningún caso son parciais, senon que son compartidas no seo dunha comunidade, ainda que sexa de dimensións reducidas coma o núcleo familiar.

(8) Refuxios da memoria:

Con refuxios da memoria referímonos aos espazos íntimos onde as memorias políticas lograron reproducirse e conservar fragmentos da súa materialidade, conformándose coma unha sorte de illas da memoria nun contexto represivo e de monopolio estatal do relato hitórico. Pero ademáis de aludir a un sentido material de lugar –o fogar familiar, o lugar de reunión clandestina, as maletas enterradas, etc.– tamén nos refirimos a lugares sociais e culturais, coma cancións ou rumores.

(10) Lugares de memoria

As memorias colectivas (1) tenden a espacializarse, o cal levou ao historiador Pierre Nora a propoñer o concepto de lugar de memoria, para referirse a aqueles lugares que condensan memorias compartidas e que producen a anclaxe destas a un espazo concreto. Son, polo tanto, unha manifestación topográfica dun relato político, pois toda memoria na súa relación co espazo público proxecta unha determinada interpretación histórica indefectiblemente ligada a un presente político, sobre o que opera unha labor de selección e elaboración discursiva. Non obstante, os lugares de memoria nunca son estables e definitivos pois, ao xerarse a través da disputa entre relatos memorialísticos periféricos e as historias oficializadas, requiren dunha continua actualización nun contexto de disputa de significados. O seu carácter «polifónico, controvertido, híbrido, mutante y transformador» (Ferrandiz, 2011) débese a esta proxección sobre o espazo público de relatos histórico-políticos contrastantes, o cal pode xerar ademáis –dende unha perspectiva fenomenolóxica e dependendo do punto de vista do usuarios (Pink, 2008)– a coexistencia, tensión, e incluso supersposición de diferentes lugares de memoria sobre un mesmo espazo. Tamén pode provocar o seu desuso e esquecemento, condeando a estos espazos a quedar “á deriva” ou reducir o seu ámbito de influencia e a súa referencialidade no espazo público, permanecendo tan só na memoria de certas comunidades, ou incluso individuos illados. Os lugares de memoria non se xeran tanto en relación a un espazo material ou unha proxección simbólica sobre ese espazo material, como á produción dun espazo social que contextualice e sitúe o lugar nunha corrente de pensamento colectivo (Baer, 2011).

(11) Rutas e Itinerarios

Os lugares non son estáticos, senon que son atravesados por unha enorme gama de movementos que, dacordo con Tim Ingold, teñén un papel importante na súa configuración (Ghisloti & Torres Oliveira, 2018). Se os paseos son accións con capacidade constituinte de lugar, é preciso prestar atención á forma en que os axentes de campo se desprazan pois, a través destas accións articúlanse e conéctanse lugares de memoria.

As rutas xurden das prácticas, costumes, accións e eleccións de mobilidade que os actores realizan na súa vida cotiá nos barrios e cidades (Ingold & Vergunst, 2008). Algunhas destas rutas son cristalizadas por medio de certas tecnoloxías (mapas, panfletos, documentais, visitas guiadas, artículos periodísticos, reportaxes ou relatos de viaxe) que plasman narrativas concretas sobre estes desplazamentos e que propoñen, entre outras cousas, qué lugares son relevantes ou qué significados condensan eses emplazamentos (Pink, 2008). Imos denominar itinerario ao resultado desta sistematización das rutas, para diferenciar terminolóxicamente ambos conceptos. O termo ruta serviría entón para definir as traxectorias a nivel das prácticas cotiás dos axentes de campo, mentres que con itinerario refeririámosnos á codificación destas traxectorias e á xeración de determinados marcos de interpretación sobre as mesmas. Ambos producen e conectan lugares de memoria, pero uns o fan a nivel empírico e os outros a un nivel cultural. Do mesmo modo que un lugar pode ter múltiples significados e construir diferentes lugares de memoria (10) segundo a comunidade de memoria (22) que o observe, diferentes itinerarios poden cruzarse nun mesmo lugar, aportando perspectivas complementarias na produción dese lugar de memoria.

(12) Relatos memorialísticos

Os relatos memorialísticos son construtos narrativos resultantes da aplicación dun marco interpretativo a uns acontecementos históricos determinados. Estes relatos son elaborados a través da aplicación dunha serie de recursos narrativos que ganduxan e dotan de estrutura lóxica e significado á serie de fragmentos que construen unha memoria colectiva (1): recordos persoais, documentos visuais, documentos escritos, monumentos, etc.

Os relatos memorialísticos teñen unha forma aberta e un carácter acumulativo, pois non se articulan dunha vez por todas, senon que ao longo do tempo varían, incluindo e excluindo elementos. Son instrumentos fundamentais para a reprodución das memorias colectivas, pero neste proceso de reprodución van variado, pois son actualizados xeracionalmente, e cada individuo memorialista recíbeo e reprodúceo dun modo diferente.

(13) Identidades colectivas e procesos de identificación

As memorias espacializadas xeran puntos de referencia ineludibles para as comunidades de memoria (22), sendo os lugares pezas importantes na elaboración dos seus relatos memorialísticos (12) e, polo tanto, na súa autopercepción coma grupo. Así os lugares de memoria (10) e itinerarios (11), producidos dende marcos de memoria compartida, xogan un papel central na construción das identidades locais (Pink, 2008) e indicen no modo en que as persoas precíbense a sí mesmas e ao lugar no que residen.

Con todo, o concepto de identidade colectiva é escurridizo. Por un lado trátase dunha imaxe elaborada polo grupo acerca de sí mesmo a través da cal toma consciencia da súa unidade e especificidade (Baer, 2011), polo outro trátase dun construto discursivo que conecta a experiencia da comunidade co seu pasado, axudando a pensar o presente. Con identidade colectiva ímonos referir a estes construtos discursivos e imaxes autorreferenciais elaboradas polas comunidades de memoria.

Algúns autores, non obstante, suliñan o carácter procesual das identidades xa que son elaboradas ao longo do tempo sen atopar un momento de clausura, polo que prefiren empregar o termo de identificación (Díaz de Rada, 2019). Segundo estes autores, no mundo contemporáneo a identidade social é construida mediante unha bricolaxe constante a partir de materiais dispersos (Iniesta, 2009). Ainda que esta definición opera tanto a nivel individual como colectivo, imos empregar o termo proceso de identificación para referirnos ao proceso mediante o cal os individuos forxan as súas identidades e entran en contacto con certas identidades colectivas. Esta distinción entre identidades colectivas e procesos de identificación (individuais) é especialmente pertinente nun proxecto que busca elaborar unha representación colectiva, unha cartografía da memoria, a partir da mirada de actores e axentes previsiblemente atomizados e dispersos.

(14) Canles e mecanismos de reprodución da memoria

O recordado e o recordable dependen en gran medida da capacidade e voluntade dos axentes para rexistrar, conservar e replicar certos sucesos históricos e un marco interpretativo sobre os mesmos. No rexistro destes sucesos interveñen múltiples axentes, como os propios protagonistas dos feitos, os testigos e/ou os historiadores; as institucións estatais como arquivos, museos, bibliotecas e universidades xogan un papel fundamental na selección do que debe ser conservado; e estas mesmas institucións teñen unha gran capacidade de impoñer marcos de interpretación acerca de certos feitos do pasado, xerando unha memoria oficializada que é reproducida a través do conxunto de institucións e mecanismos estatais como libros de texto, calendarios conmemorativos, exposicións, etc.

Pero xunto a estas canles e mecanismos estatais de reprodución da memoria existen outros que operan en paralelo –en diferentes ámbitos e a diferentes niveis– e que xeran marcos de interpretación alternativos, e con eles relatos memorialísticos periféricos (23). Para a construción e reprodución destas memorias os axentes colectivos que as impulsan empregan algúns mecanismos similares aos empregados polas insitucións do Estaso –como os ciclos conmemorativos anuais ou certas publicacións– pero en moitas ocasións carecen dos medios económicos ou das circunstancias políticas –debido ás prohibicións gubernamentais ou a represión estatal– que lles permite facer uso destes mecanismos. Nestas circunstancias os seus relatos memorialísticos dependerán de estratexias e métodos alternativos, que pasan fundamentalmente pola transmisión oral dos mesmos no ámbito privado. Esta canle de reprodución da memoria –que prescinde de mecanismos de fixación como a escritura ou as grabacións audiovisuais– somete ao relato memorialístico a unha maior variabilidade ao longo do tempo, pois a súa forma aberta faino máis receptivo á imaxinación, ampliación ou discrimicación selectiva, pero ademáis está moi suxeito á capacidade e vontade de transmisión e recepción dunha xeración a outra, atopando un momento crítico de conservación na fase de transición entre a memoria comunicativa e a memoria cultural.

Memoria comunicativa é un termo acuñado por Jan Assmann para referirse ao tipo de memoria colectiva que se produce nos contextos da vida cotiá en torno a acontecementos do pasado recente e que, ao carecer de métodos ou estratexias de fixación duradeira, a súa reprodución depende da existencia de portadores vivos desa memoria. Con memoria cultural o mesmo autor refírese ao tipo de memoria colectiva cuxa comunidade de memoria (22) logrou organizar unha fixación dos seus contidos por medio de estratexias comunicativas que consisten no rexistro duradeiro ou na ceremonialización do seu relato sobre o pasado. A memoria cultural pódese entender, polo tanto, coma unha fase ulterior da memoria comunicativa, cuxa condición de posibilidade depende do emprego de soportes que conteñan este relato memorialístico (12), como textos, documentos audiovisuais, arquivos, etc. (Baer, 2011).

(16) Metodoloxía e técnicas de investigación

O dos lugares de memoria (10) é un obxecto de estudo complexo no que se cruzan elementos materiais, empíricos, discursivos, identitarios e que, polo tanto, é preciso abordar dende diversos ángulos: prácticas, percepcións, recordos, significados, etc. Ademáis, no caso concreto do movemento libertario herculino de preguerra, apenas sobreviven coetáneos dos acontecementos aos que se remiten os relatos memorialísticos e que fundan os lugares de memoria. Trátase, polo tanto, dunha memoria que, empregando os termos de Jan Assmann, xa deixou atrás a fase de memoria comunicativa (14) e ainda non alcanzou –quizais nunca o faga– a fase de memoria cultural (14). Por outra banda, alí onde estes relatos lograron reproducirse, e unha segunda ou terceira xeración recolleu testimonios ou fragmentos daquela memoria colectiva, o contexto represivo produciu un fenómeno de atomización (7) e encapsulamento, e polo tanto a súa reprodución operouse por medio de diferentes liñas de memoria, non nun marco compartido.

Este proxecto de investigación require, polo tanto, dunha metodoloxía que, partindo das miradas e relatos dos informantes, compoña unha imaxe de conxunto da memoria do movemento libertario a través da súa dimensión espacial, e dé conta da incidencia desta memoria na identidade colectiva do barrio das Atochas – Monte Alto. Por outra banda debe atender tamén aos procesos de reprodución destas diferentes liñas de memoria. Dado que o punto de acceso principal a este campo de estudo é unha serie de informantes illados, e non tanto un contexto social susceptible de ser observado –ainda que esto tamén terá cabida (16.3.1)–, a recollida de testemuños e o diálogo cos axentes memorialistas será central nesta investigación, así como o uso de imaxes.

(16.1) Metodoloxía dialóxica

Dende un punto de vista epistemolóxico unha metodoloxía dialóxica afástase da clásica distinción positivista entre suxeito investigador e suxeito/obxecto investigado, para concebir a investigación a partir do vínculo de colaboración establecido entre investigador e informante(s). Trátase, polo tanto, de establecer unha relación de horizontalidade que comprenda a investigación e os seus resultados como un proceso e unha produción colectiva. Este tipo de colaboración ten como condición de posibilidade a simetría no acceso á información por parte dos axentes memorialistas que participen como informantes na investigación, así como a capacidade de decisión sobre o seu modo de participación nela, o cal trátase de lograr por tres vias: 1) A comunicación fluida e continua cos informantes dende o primeiro momento, cunha total transparencia nos obxectivos e métodos desta investigación, 2) Propoñendo a cada informante un modo de participar nesta investigación, sempre aberto a que plantexe variacións ou introduza propostas sobre a mesma, e 3) Publicando en aberto e en tempo real todos os datos e análises de investigación por medio desta páxina web.

A partir das experiencias, percepcións e significados que os informantes atesoran, e a través do vínculo establecido entre estes e investigador, ambos tratarán de achar respostas ás cuestións xerais de investigación, tales que ¿Cómo son producidos os lugares de memoria? ¿Qué acontecementos e contextos históricos os fundan? ¿Qué clase de narrativas os articulan e os conectan entre sí? ¿Cómo se actualizan os seus significados? ¿Como inciden na identidade colectiva do barrio? ou ¿Qué relación manteñen os veciños con eses lugares? Tamén se trata de dilucidar por medio deste vínculo o modo en que estas memorias foron conservadas e reproducidas ao longo do tempo, por medio dunha serie de cuestións máis vinculados á traxectoria persoal, familiar, militante ou profesional do informante. Para isto faranse entrevistas de carácter aberto, no que o investigador actúe como mero ointe activo en estado de atención flotante (Guber, 2001), cuxa función sexa facilitar o proceso de produción do testimonio, introducindo temas a tratar, a partir de tres formatos diferentes:

  • Entrevista sobre o relato memorialístico do informante e o proceso de (re)produción do mesmo, nun lugar vinculado á sua adquisición do mesmo. Nesta entrevista empregaráse, ademáis, a técnica da fotoelicitación (16.3.2)
  • Entrevista in situ nun lugar de memoria vinculado ao relato do informante.
  • Entrevista paseada, que adoptará o formato de conversa, onde se privilexie a expresión libre do informante ao longo do transcurso, conectando os diferentes lugares de memoria por medio do seu relato. Esta entrevista tan só será realizada a aqueles informantes cuxo relato memorialístico esté relacionado con máis dun lugar de memoria.

(16.2) Etnografía móbil

A entrevista paseada é unha técnica pertencente á tracidión da etnografía móbil, que procede do denominado xiro corporal nas correntes fenomenolóxico-hermenéuticas da antropoloxía, e que parte da premisa de que o camiñar non se reduce ao tránsito entre dous puntos, senon que é un proceso que envolve toda unha gama de actitudes, expresións e formas de relacionarse cos outros e co espazo material, a partir de cuxa observación e práctica pódense extraer moitos datos empíricos abertos a análise e interpretación.

Segundo Ingold e Vergunst o camiñar é unha ferramenta social en sí mesma, que permite a (re)produción do coñecemento en certos contextos, como é o dos dogrib do noroeste de Canadá, os cales diferencian entre as historias orais e o verdadeiro coñecemento, que se acada cando esas historias son confirmadas por medio da experiencia persoal de seguir as pegadas e transitar os lugares nelas referidos (Ingold & Vergunst, 2008). Nun sentido similar, nesta investigación comprendemos o desprazamento coma unha ferramenta que permite reproducir certos coñecementos en forma de memorias espacializadas. Deste modo empregaremos as entrevistas camiñadas para transitar dos relatos memorialísticos á produción de información empírica in situ. Camiñar os relatos dos informantes xunto a eles, seguindo as pegadas ou marcas urbanas (24) deixadas polos seus devanceiros, e rexistrar todo isto por medios (audio)visuais é unha forma excepcional, non só de xerar coñecemento en movemento, senon de outorgar significado a lugares concretos, rompendo dalgunha forma coa visión aséptica do espazo público urbano. Pois, como sinala Sarah Pink, os lugares son antes procesos que cousas, e dependen polo tanto do constante facer e refacer dos axentes de campo que por medio das rutas (11) trazadas neste devenir, conectan as súas narrativas co espazo urbano, producindo os lugares de memoria (Pink, 2008).

(16.3) Antropoloxía Visual

A antropoloxía visual foi definida por Ruby e Chalfen coma unha rama da antropoloxía cultural que se encarga do estudo das formas de comunicación humana non lingüísticas, do estudo dos produtos visuais da cultura, así como do emprego dos medios visuais para a presentación de datos de investigación etnográfica (Pink, 2006). Dende este punto de vista o visual sería tanto un obxecto de investigación como un medio para a produción de coñecemento e de reflexión. Nesta investigación imos empregar ferramentas de investigación (audio)visuais de tres formas diferentes: Para a produción e rexistro de datos de campo; Como medio de presentación deses datos e resultados de investigación; Para reflexionar en común cos informantes.

(16.3.1) Produción de documentos audiovisuais

Todos os datos de campo desta investigación serán rexistrados por medios audiovisuais e presentados nesta páxina web, respondendo a duas premisas, a saber: 1) Que algúns elementos da experiencia humana son máis facilmente –ou únicamente– representables a través dos medios audiovisuais, como o son a xestualidade, a expresividade, os estados de ánimo, etc. 2) Que o audiovisual leva a experiencia de campo ao terreo da representación dunha forma máis directa que calquera tipo de produción escrita, ainda que, por suposto, isto non significa que desapareza a mediación do investigador (Pink, 2006).

Así as entrevistas de campo enténdense coma unha produción audiovisual froito da colaboración entre os axentes de campo e o investigador. Partindo dunha proposta estandarizada para cada tipo de entrevista, o investigador explicará primeiro as eleccións técnicas e o seu motivo, e logo, se fora o caso de que o informante quixera introducir algunha variación, estas serán negociadas polos dous. Unha vez seleccionado un formato de gravación –un tipo de plano, encadre, ángulo, disposición dos participantes, etc.– este non será variado ao longo da entrevista. Esto responde a dous motivos, en primeiro lugar á transparencia na mediación, de modo que as eleccións técnicas e compositivas sexan invariables unha vez decididas por informante e investigador, non dependendo da mirada e variacións do operador de cámara. En segundo lugar, e nun sentido semellante, se un formato é decidido e non se varía, este documento pode ser presentado á audiencia como produto final, sen apenas necesidade de edición ou postprodución.

Pero as entrevistas permiten tan só un acceso indirecto á experiencia e á visión dos informantes, xa que o diálogo sobre eventos e experiencias non vividas xera un tipo de análise e interpretación mediado pola palabra (Ghisloti & Torres Oliveira, 2018). As entrevistas paseadas teñen a intención de ampliar este espectro, e xunto ao relato do informante, introducir o elemento experiencial por medio do movemento (16.2). Pero nesta investigación propuxémonos outorgar á imaxe un papel central, e por iso imos producir outro tipo de documentos audiovisuais, aqueles que rexistren o modo en que os axentes de campo se relacionan cos lugares de memoria a través de celebracións, actos ou rituais.

Os rituais son un tipo de acción colectiva simbólica que ocupou boa parte da produción etnográfica e teórica dos antropólogos sociais. Ainda que os rituais poden ser analizados dende multitude de perspectivas, a que aquí nos interesa é a súa dimensión de actos performativos que traen ao presente contextos ou episodios do pasado, vinculándoos cun espazo –cun lugar de memoria cuxo significado é (re)actualizado en virtude desta acción– e un tempo –coa inserción deste ritual nun momento do ciclo anual, xeralmente a efeméride daquel suceso, e a reiteración dese episodios histórico e os seus significados–. Para dar conta destes rituais, e á hora de rexistralos por medios audiovisuais, debemos prestar especial atención a estes dous focos de interese. En primeiro lugar, e co fin de poñer o espazo no centro de atención, recurriremos ao concepto de Jun Sato de espazo protagónico, que se contrapón ao espazo pragmático nas diferentes modalidades de filmación de rituais. Mentres o segundo captura o espazo de forma entrecortada e fragmentaria, tratándoo coma mero soporte da acción ritual, o protagonismo do espazo acádase por medio da continuidade na filmación (Luning, 2006; Wanono, 2006). Así, para dar centralidade ao espazo, na gravación dos rituais fixaremos a cámara nun lugar e cun ángulo e un plano que non variarán ao longo da filmación, evitando calquera tipo de corte, e incluso calquera tipo de movemento de cámara, a cal non seguirá as accións dos participantes senón que permanecerá fixa nun marco espacial predefinido. Deste modo un espazo previamente delimitado, e acordado cos participantes, será o verdadeiro punto focal da filmación, mentres os diferentes actores entran e saen do plano –dese espazo–, levando a cabo diferentes accións. En segundo lugar, a cuestión temporal, pasa por diferenciar entre o propio momento do ritual –a experiencia vivida e representada, non mediada pola palabra, da que falaban Ghisloti e Torres Oliveira (2018), que será recollida por medio da filmación do ritual, é dicir, dende unha dimensión descriptiva– e o momento da verbalización, posterior á participación no ritual, con este como obxecto de reflexión, e que se realizará por medio de entrevistas a algúns dos seus participantes, pasando a unha dimensión narrativa na análise.

Con todo, o protagonismo concedido ao espazo non menguará a importancia da acción que nel se leve a cabo xa que, de feito, este modo de filmación axuda a limitar ao mínimo –ao momento previo á gravación– o que Nadine Wanono (2006) denominou filmmaker rethoric

[retórica do realizador]

, composta polas múltiples (s)eleccións que o investigador e o operador de cámara deben tomar ao longo do proceso de gravación do ritual, e pon o foco sobre a retórica da acción do suxeito colectivo que o leva a cabo. Ao evitar a toma de decisións durante o proceso de filmación, así como na fase de postprodución –desbotando a montaxe do material audiovisual– prodúcese unha coincidencia entre a narrativa do filme e a narrativa intrínseca do ritual, ao non haber alteración na secuencia orixinal das acción, nin metraxe eliminado, respetando polo tanto a estrutura cronolóxica do ritual (Henley, 2006). O problema reside entón –segundo Henley– en que a interpretación deste tipo de eventos-secuencia queda sempre fora do propio filme. A forma en que nesta investigación trataremos de dar solución a este problema é precisamente por medio da produción do segundo tipo de documentos audiovisuais, as entrevistas aos propios participantes no ritual, de modo que sexan eles os que aporten a interpretación ao mesmo. Esta entrevista aporta non só a información adicional necesaria para unha comprensión do ritual como acción colectiva –a súa relación cun espazo concreto, o seu engarce cunha memoria colectiva, a súa intrahistoria, etc.– senón tamén unha exégesis dos propios participantes, en relación aos significados, motivacións persoais, cuestións identitarias, etc. Atendendo a estes dous momentos damos conta tanto da dimensión descriptiva como da dimensión narrativa do ritual (Wanono, 2006).

(16.3.2) Fotoelicitación

A fotoelicitación é unha técnica que consiste símplemente na introdución de documentos fotográficos nunha entrevista de campo (Harper, 2002). É polo tanto unha técnica que mestrua o visual e o dialóxico, que permite que investigador e informante empreguen unha imaxe fotográfica como lugar de reflexión (González Granados, 2011) ou coma apoio visual para dialogar sobre un tema máis amplo co que a imaxe garda algunha relación. Pese á súa sixenleza, a fotoelicitación ten a virtude de outorgar ao informante un papel activo na investigación, ao introducir unha dimensión consensual na entrevista, durante a cal investigador e informante dalgunha forma negocian o significado sempre aberto das imaxes, buscando unha interpretación común (Arias, 2011; Harper, 2002; Ruby, 2002).

Nesta investigación imos empregar esta técnica nas entrevistas sobre os relatos memorialísticos dos informantes e os procesos de reprodución destas memorias. Para iso na pre-entrevista con cada informante solicitaremos documentos visuais relacionados coa súa memoria co fin de logo introducilos na entrevista. Xunto a cada un destes documentos solicitaremos unha pequena descrición na que se identifique momento e lugar de realización da imaxe –de ser posible–, así como a súa relación coa memoria do informante e co movemento libertario. Isto que Harper (2002) denominou photofeedback ou photo-self-elicitation, e que consiste en adherir á información visual unha capa de información textual, permítenos por unha banda aclarar o referente da imaxe e os elementos que a compoñen, e pola outra identificar esta imaxe cun relato memorialístico particular, o cal axúdanos a desentrañar a natureza polisémica das imaxes, que require da (s)elección de certos significados en detrimento doutros, sendo o texto, segundo Barthes, o que mellor cumple esta función de anclaxe, acotando a gama virtualmente infinita de significados posibles (Rose, 2012).

Unha vez aclarados estes puntos teremos a información esencial que nos permita empregar a imaxe coma ferramenta comunicativa. A partir destes obxectos visuais informante e investigador establecerán un diálogo que exceda o propio contido da imaxe para abordar temas máis amplos de investigación. Isto pode ocurrir pola facultade das fotografías de resorte da memoria e estímulo da palabra, que potencialmente activan un relato que desborda o propio documento e engarza coas memorias persoais, familiares e/ou militantes, pois os documentos visuais con carga histórica ou memorialista permiten conectar experiencias indivisuais cun pasado colectivo vivido ou transmitido (Harper, 2002).

Pero ademáis a introdución deste tipo de documentos pode levarnos á procura dalgunhas imaxes que garden relación non só coa memoria persoal e familiar do informante, senon tamén co espazo público do barrio. As fotografías teñen a capacidade de aprehender a textura dos lugares mellor que outros medios, xa que conteñen moita información imposible de transmitir mediante unha descripción textual e por ese motivo moitos xeógrafos empréganas para captar as calidades elusivas que definen o sentido de lugar (Rose, 2012). Así, en caso de que os informantes aporten fotografías tomadas no espazo público, e na súa descripción ( photofeedback) relacionen estas con algún tipo de acontecemento ou contexto político, estes documento serán analizados por separado en colaboración co informante, tratando de decodificar o seu significado e pescudar se fundan ou gardan relación con algún lugar de memoria.

Por último, é importante sinalar que os documentos visuais teñen unha historia propia como obxectos condensadores da memoria, que vai máis alá do seu contido, e que ten que ver coa súa materialidade. Cada fotografía é rastrexable a través das súas marcas, cicatrices, remedos, manchas, anotacións… que suxiren que foron palpadas, choradas ou besadas durante moitos anos, o cal permite trazar unha sorte de biografía dese obxecto visual (López García, 2015; Kopytoff, 1991). Esta dimensión material ten moito que dicir ademáis sobre a propia reprodución das memorias –sobre como eses obxectos foron transmitidos dunha xeración a outra e sobre as narrativas e relatos que as acompañaron– e tamén sobre a relación persoal do informante con esas memoria. Desta forma, o modo en que unha fotografía é collida, mirada e tocada; o momento do relato no que se fai uso dela; e mesmo as marcas que contén, serán focos de atención no momento da entrevista.

(17) Superposición de capas de información

Partimos da fragmentariedade, de fotografías e recordos atomizados, probablemente de narracións discontinuas e mesmo contradictorias, por iso –e dado que é probable a reiteración dos informantes sobre certos lugares, posto que esta investigación circunscríbese a un só barrio no que os lugares de memoria son previsiblemente exiguos– trataremos os datos e testimonios aportados polos axentes de campo como capas de información e significado sobre un mesmo lugar. Isto permítenos salientar aqueles elementos memorialísticos compartidos por un maior número de informantes e, con iso, os eixos da memoria colectiva sobre ese lugar mediante «un juego especular que pone el acento en la interacción de diversas miradas que se cruzan» (Arias, 2011:183), e que xeran un sentido de lugar.

Por outra banda este cruce de miradas permítenos xerarquizar dalgún modo os lugares de memoria en canto á súa maior ou menor referencialidade, entre aqueles centrais para a memoria e a identidade colectivas do barrio, e aqueles outros máis periféricos e mesmos circunscritos ao ámbito dunha memoria familiar ou persoal concreta. Tamén nos permite explorar as relacións entre os distintos lugares de memoria, averiguar se predomina algún tipo de secuencia ou orde que os conecte, xerando itinerarios.

(18) Función da imaxe

Nesta investigación, e nesta páxina web, empregaremos a imaxe de tres modos diferentes:

1) Como ferramenta comunicativa:

A imaxe coma ferramenta que facilite a interlocución entre investigador e informantes, por medio da técnica da fotoelicitación (16.3.2). O obxecto visual permite deste modo centrar a atención sobre as categorías de análise da investigación, ao focalizar sobre temas e motivos concretos, evitando a divagación característica das entrevistas que implican procesos de rememoración do pasado (Harper, 2002).

2) Como fonte de información:

Os documentos visuais poden entenderse como obxectos culturais a analizar en base aos datos que conteñen, pero tamén a través da materialidade do seu soporte físico, e tamén pola relación que os axentes de campo gardan con eles. As fotografías ofrecen información, tanto na súa compoñente connotativa, trazable a través dos elementos plásticos observables, como na súa compoñente denotativa, por medio das conexións con todo o que envolve a imaxe ainda sen estar físicamente presente nela, abríndonos as portas ás formas de ver e percibir dos axentes, os seus modos de relacionarse co espazo, etc. Unha análise detallada dunha fotografía pode facer aflorar moita información que probablemente ningunha fonte escrita da época conteña, xa que os escasos testemuños que gardamos da época chéganos en formato de crónica periodística, a cal – pola súa natureza breve– contén descripcións esquemáticas que eliminan o cotián por evidente e por irrelevante na mirada dos contemporáneos. O cotiá e o irrelevante para un cronista da época quedan, non obstante, retidos na fotografía dada a súa calidade isomórfica, xa que no momento da súa produción non se rexitra tan só aquello que se quere representar, senon todos os elementos en plano aos que alcanza a luz durante o momento de exposición (Piette, 1993). A fotoelicitación é un excelente método para acceder a esa información tanto connotativa como denotativa e contextual sobre os documentos visuais, así como aos significados que estos teñen para os informantes, pois segundo John Collier, só a través da entrevista o investigador ten acceso á información contida nunha fotografía (Rose, 2012).

3) Como modo de presentación dos resultados de investigación:

Os antropólogos visuais en moitas ocasións alegan que certos elementos da experiencia humana refléxanse mellor por medio do visual, e incluso –ainda que isto é moi matizable– que «lo visual trae la experiencia del trabajo de campo directamente al contexto de la representación» (Pink, 2006:16). Harper destaca incluso a capacidade das imaxes para evocar «elementos de la consciencia humana más profundos que las palabras» (Harper, 2002:13), de modo que estas transmitirían un tipo de información diferente á que aporta a palabra (tanto na súa versión textual como oral), información que apelaría a sentidos distintos. Máis ainda, o visual en tanto «sistema de representación capaz de describir y elaborar sentidos transmisibles, que pueden ser decodificados por otras personas que manejen los mismos códigos» (Ramirez Corzo, 2007:107) conforma un tipo de linguaxe en sí mesmo co que interpretar e comprender o mundo. A linguaxe visual e a verbal son, polo tanto, dous sistemas de comunicación diferentes –cada un deles coas súas estruturas formais, normas e posibilidades comunicativas– que apelan a distintas áreas da percepción humana e establecen un tipo de comunicación particular co lector / observador. Ambas linguaxes poden funcionar dun modo autónomo, pero tamén dun modo complementario. Cando ambas linguaxes se combinan, históricamente a imaxe foi relegada a un papel subalterno, empregándose coma ilustración ou exemplificación do texto, ou sendo este o que serviu para aclara o que as imaxes “non podían” transmitir por sí solas. Non obstante a combinación da linguaxe escrita e visual pode abordarse tamén dende a complementariedade, abolindo as xerarquías e contextualizándose mutuamente (Pink, 2001), pois o texto afecta á forma que temos de mirar a imaxe que o acompaña, do mesmo modo que a imaxe varía a nosa forma de entender o texto (González Granados, 2011).

No caso desta páxina web, ao empregar xunto ás imáxenes estáticas documentos audiovisuais que recollen relatos memorialísticos, o visual e o discursivo fican inexorablemente unidos. A partir de aquí os textos do investigador tratarán tan só de aportar unha mirada analítica sobre os documentos elaborados na colaboración entre este e os informantes. Deste modo texto e imaxe combínanse de modo que cada un deles poida ser lido nos seus propios termos. Por un lado as fotografías e os vídeos teñen a potencialidade de captar a textura dos lugares mellor que outros medios, xa que conteñen moita información imposible de transmitir mediante unha descripción textual, por iso moitos xeógrafos empréganos para captar as calidades elusivas que definen o sentido de lugar (Rose, 2012). Deste modo os documentos visuais e audiovisuais serán unha xanela de acceso a iso que os lugares de memoria teñen de inenarrable e indescriptible, a esa información non traducible en termos textuais, e que é fundamental para esta investigación. Outros documentos audiovisuais ademáis de recoller este tipo de datos visuais, aportan un relato memorialístico narrado en primeira persoa por un informante, misturando nun mesmo documento o información visual e verbal, que tratará de presentarse á audiencia exercendo unha transparencia na mediación (16.3.1) que evite a postprodución dos mesmos. Pola súa banda o texto producido polo investigador aportará unha lectura de conxunto dende unha perspectiva analítica e comparativa, que partirá das informacións aportadas polos diferentes informantes e dos documentos (audio)visuais producidos coa súa colaboración.

(19)(20)(21)

(22) Comunidades de memoria

As comunidades de memoria están integradas polo conxunto de axentes que participan dun relato memorialístico (12) determinado. Os modos de participación dos axentes memorialistas nestas comunidades son diversos, pero canto menos deben existir axentes que donen memoria (21), é dicir, que aporten recordos persoais, informacións ou documentos; axentes que elaboren uns marcos de interpretación e que tezan o relato memorialístico a partir daqueles fragmentos; axentes que reproduzan a memoria a través de diferentes canles e mecanismos (14); axentes que consuman esa memoria de diversos modos, como meras audiencias ou, polo xeral, como receptores e re-produtores desas memorias. Normalmente varias destas funcións son desenvolvidas polos mesmos actores.

As comunidades de memoria poden ser de moi distinto signo: familiares, veciñais, militantes, etc. e poden elaborar diferentes marcos interpretativos sobre os memos acontecementos, lugares e/ou tempos, dando pé a memorias colectivas compatibles e potencialmente complementarias, ou contraditorias e potencialmente conflitivas.

(23) Relatos memorialísticos periféricos

Os relatos memorialísticos periféricos son todos aqueles promovidos por comunidades de memoria diferentes aos grupos de poder, e polo tanto non hexemónicos. Así con todo, cabería facer unha distinción entre aqueles que son compatibles e incluso complementarios aos relatos históricos oficializados e aqueles outros que difiren dos mesmos, conformando relatos memorialísticos alternativos, que poden chegar incluso a confrontar cos oficiais en forma de relatos antagónicos.

Insluso nos contextos máis autoritarios e de maior represión, os relatos históricos oficializados, pese a impoñerse, rara vez logran eliminar os relatos alternativos á verdade histórica oficial. Pese á súa prohibición e represión, estes outros relatos en moitas ocasións logran reproducirse, fundamentalmente nos espacios íntimos e privados, a través de lazos de parentesco e proximidade, ou incluso na esfera pública a través de actos de desobediencia. Estas memorias colectivas que logran reproducirse en contextos de clandestinidade, sostendo un relato proscrito do espazo e da esfera pública, poden ser referidas como memorias de resistencia.

As memorias de resistencia son, en moitas ocasións, relatos memorialísticos que nalgún momento alcanzaran unha fase de memoria cultural (14), pero que, debido ao contexto de represión e á dificultade ou imposibilidade de estar presentes na esfera pública, volveran a unha fase de memoria comunicativa, cuxo espacio e canle de reprodución queda moi circunscrito, producindo xeralmente unha atomización do relato memorialístico (7).

(24) Marcas urbanas

Trátase do conxunto de sinais, pegadas, distintivos, signos e vestixios presentes no territorio urbano que dan conta de certos acontecementos do pasado. Estes elementos urbanos conforman pezas a partir das cales pódese construir unha narrativa da cidade (Amin & Thrift, 2002) e que funcionan tamén como probas, que dan veracidade aos feitos narrados, apuntalando o relato. Ingold e Vergunst propoñen unha diferenciación entre pegadas, que serían aqueles signos que resultan da impresión sobre unha superficie, e as estampas, que serían o resultado dunha inscripción sobre a superficie (Ingold & Vergunst, 2008). Dun modo similar vou empregar unha distinción entre impresión e inscripción para clasificar os tipos de marcas urbanas, pero empregando a metáfora da epidermis urbana:

Cicatrices urbanas: Aqueles vestixios e pegadas do pasado que funcionan coma proba do acaecemento de certos sucesos históricos. En termos metafóricos as cicatrices urbanas serían as marcas accidentais sobre a epidermis urbana pero que, empregando a terminoloxía de Peirce, poderiamos considerar como índice dun acontecemento histórico. Un exemplo diso serían as marcas ou buratos de bala sobre un edificio, que dan conta dun tiroreo. Por suposto as cicatrices urbanas sen un marco explicativo son indescifrables.

Tatuaxes urbanas: Aqueles sinais que aportan información contextual sobre certos acontecementos do pasado ou significados dun lugar de memoria. Empregando a mesma metáfora, as tatuaxes urbanas serían a superposición dunha mesaxe por medio dunha linguaxe simbólica sobre a epidermis urbana. Un exemplo disto sería unha placa conmemorativa.