Relatos memorialísticos periféricos

Os relatos memorialísticos periféricos son todos aqueles promovidos por comunidades de memoria diferentes aos grupos de poder, e polo tanto non hexemónicos. Así con todo, cabería facer unha distinción entre aqueles que son compatibles e incluso complementarios aos relatos históricos oficializados e aqueles outros que difiren dos mesmos, conformando relatos memorialísticos alternativos, que poden chegar incluso a confrontar cos oficiais en forma de relatos antagónicos.

Insluso nos contextos máis autoritarios e de maior represión, os relatos históricos oficializados, pese a impoñerse, rara vez logran eliminar os relatos alternativos á verdade histórica oficial. Pese á súa prohibición e represión, estes outros relatos en moitas ocasións logran reproducirse, fundamentalmente nos espacios íntimos e privados, a través de lazos de parentesco e proximidade, ou incluso na esfera pública a través de actos de desobediencia. Estas memorias colectivas que logran reproducirse en contextos de clandestinidade, sostendo un relato proscrito do espazo e da esfera pública, poden ser referidas como memorias de resistencia.

As memorias de resistencia son, en moitas ocasións, relatos memorialísticos que nalgún momento alcanzaran unha fase de memoria cultural, pero que, debido ao contexto de represión e á dificultade ou imposibilidade de estar presentes na esfera pública, volveran a unha fase de memoria comunicativa, cuxo espacio e canle de reprodución queda moi circunscrito, producindo xeralmente unha atomización do relato memorialístico.