Ritos e mitos

O mito é un tipo de relato sobre feitos do pasado cunha gran importancia para a comunidade, unha historia que ademáis de axudar a comprender o presente é guía para accións futuras. O ritual serve para actualizar este mito e para consolidar a identidade colectiva (Pérez Ledesma, 1997).

Os rituais son un tipo de acción colectiva simbólica que ocupou boa parte da produción etnográfica e teórica dos antropólogos sociais. Ainda que os rituais poden ser analizados dende multitude de perspectivas, a que aquí nos interesa é a súa dimensión de actos performativos que traen ao presente contextos ou episodios do pasado, vinculándoos cun espazo –cun lugar de memoria cuxo significado é (re)actualizado en virtude desta acción– e un tempo –coa inserción deste ritual nun momento do ciclo anual, xeralmente a efeméride daquel suceso, e a reiteración dese episodios histórico e os seus significados–.

É importante diferenciar entre o propio momento do ritual –a experiencia vivida e representada, non mediada pola palabra, á que Bourdieu se refire como modus operandi– e o momento da verbalización, posterior á participación no ritual, con este como obxecto de reflexión, que o autor francés denomina opus operatum (Luning, 2006:282).

O ritual cumpre unha serie de funcións respecto á comunidade que o realiza que, segundo Pérez Ledesma, serían o afianzamento da identidade colectiva do grupo –difundindo tramas de significación comúns e desenvolvendo sentimentos de pertenza á colectividade–, e a súa potencializade mobilizadora para accións futuras (Pérez Ledesma, 1997).


Luning, S. (2006). Representing Rituals: to do and to see ritual practices. En Postma & Crawford (Ed.) Reflecting Visual Ethnography. Leiden: CNWS Publications.

Pérez Ledesma, M. (1997). La formación de la clase obrera: Una creación cultural. En Ledesma y Cruz (Ed.) Cultura y movilización en la España contemporánea, pp.201-233. Madrid: Alianza.