Na tarde do 10 de xullo de 1937 unha brigada de servicios especiais da Guardia Civil cercou o edificio situado no nº6 da Rúa do Carme. No faiado achábase a Villa Rosalía, vivenda alugada por Alicia Dorado, panadeira anarquista, que fora expulsada da fábrica de tecidos La Primera Coruñesa polas súas actividades revolucionarias. Viúva dende que o seu compañeiro fora paseado polas tropas fascistas, Alicia refuxiaba na súa casa ao seu amante, o anarquista Julio Acebedo Veiga, membro da Federación de Anarquistas Portugueses exiliados e ao tamén exiliado Antonio Fournerakis, anarquista arxentino de orixe grega que chegara á Coruña de man da Cruz Vermella internacional. Alicia actuaba como enlace entre Acebedo e Fournerakis con José González, xunto aos que trataba de rearticular a rede da FAI coruñesa no seu enfrontamento contra as novas autoridades. A propia vivenda de Alicia funcionaba coma casa-refuxio da resistencia antifascista na cidade, e nela albergaba a militantes en busca e captura, así como reunións da rede de resistencia.
Cara á media tarde os corpos policiais penetraron na vivenda de Alicia, opoñendo resistencia os anarquistas, e sendo estes reducidos polas forzas de asalto. O resultado foi a morte de Alicia Dorado, Antonio Fournerakis e José Valeiro Caramés –de 24 anos– e a fuxida polo tellado de Julio Acebedo, que logrou chegar ata o balcón do nº1 de Verea do Polvorín, 2º izda., onde foi reducido por disparos das tropas dende a azotea do edificio de enfrente segundo o atestado asinado polo capitán da 3ª Compañía Antonio Penelas Cancela. Segundo este mesmo informe policial en Villa Rosalía atopáronse unha serie de obxectos que dan unha dimensión da función insurreccional que as casas-refuxio tiñan, máis alá do seu carácter de lugar seguro para o agocho de militantes perseguidos polas autoridades golpistas: «1 selo de caucho da FAI, 5 cartas con membrete da FAI, 4 exemplares dun manifesto faísta, 1 folla clandestina de Ferrol do 4 de abril de 1936, 4 canets da FAI, 1 plano da Coruña, 1 pasaporte de Fournarakis, 2 maletas con propaganda anarquista, comunista e socialista, 1 revolver, 102 pesetas, 1 anillo de ouro, 3 pistolas automáticas, 1 recibo dos explosivos entregados no Parque de Artillería» (Grandío, 2001)
As autoridades deran coa vivenda de Alicia tra-lo asalto de outra casa-refuxio, a sita no nº55 de Atocha Alta, na que tras matar a catro anarquistas, as forzas policiais detiveran e interrogaran a José González, cuxa testemuña conducira ás autoridades ata Villa Rosalía na búsqueda de Fournerakis e do grupo “Brazo y Cerebro”.