Alejandro Basilio Palacios (1896-1937) foi un destacado militante da Federación Local Obrera da Coruña. Afiliado á CNT dende 1921, nos anos 30 pasou a desempeñar importantes funcións dentro do Sindicato de Panadeiros, primeiro como secretario (1930) e logo como vicepresidente (1932) e contador (1935). Alén da súa actividade sindical, Alejandro participou tamén nas iniciativas culturais do obreirismo herculino, sendo vocal do Centro de Estudos Sociais Germinal e administrador do xornal anarcosindicalistas Solidaridad Obrera.
Alejandro coñeceu a María Seijas no ano 1916, cando ambos traballaban para a familia Canalejo, Alejandro na panadería da rúa Socorro, e María na casa familiar, como doncella. En 1919 contraxeron matrimonio e nos anos seguintes tiveron seis fillos.
Dende o ano 1928 a familia Palacios Seijas tivo casa con fonda. Nela ospedaron a varios militantes libertarios, algúns deles enviados á Coruña polo Socorro Vermello Internacional, tras seren expulsados dos seus paises de orixe, xeralmente latinoamericanos. Tal foi o caso de Antonio Fournerakis, que pasaría dez meses aloxado na pensión familiar na Fonte de San Andrés, coindicindo coa folga do ramo da construción de 1934, para a cal unha agrupación de anarquistas americanos mandaba roupa á pensión que logo Fournerakis repartía entre as familias dos obreiros en loita. Para o ano 1937 a fonda estaba situada no número 30 de Santa Catalina, piso 4º.
O 10 de xullo de 1937, tra-lo asalto ás casas-refuxio das Atochas –no que morreron Fournerakis e outros sete militantes libertarios– Consuelo Meitín, a esposa de José Torres Regueira, pediulle á familia Palacios Seijas que acollera ao seu marido na fonda familiar, pois ao atoparse agochado nun lugar moi preto ao sitio dos asaltos, temía que Torres fora detido. Alejandro e Consuelo accederon a acoller ao seu compeñeiro, como xa fixeran con outros antes.
Os interrogatorios aos detidos nas redadas das Atochas – recollidos na Causa 992/37: Atestado do Capitán da 3ª Compañía de Comandancia, do 19/07/1937– acabaron por conducir ás autoridades cara a fonda dos Palacios Seijas, e o 15 de xullo as autoridades irrumpiron na vivenda arrestando tanto a José como a Alejandro, que serían conducidos ao cuartel da Garda Civil. Esa mesma noite as autoridades presentáronse de novo na pensión dos Torres Seijas en busca dunha pistola. Chema Palacios recolleu no ano 2007 o testemuño do seu tío, Alejandro Palacios Seijas, o cal vivira este episodio en primeira persoa:
«Por la noche la policía se presentó en casa buscando una pistola (arma que mi madre encontró en los bolsillos de la chaqueta de Torres, y mandó a mis hermanos Alicia (12 años) y José (10 años) que la tirasen al mar, en los muelles detrás de la “Terraza” después de que los llevaran detenidos, y esa noche nos llevaron a mi madre y a mi por el “rellenado” a buscar la pistola y que fuera a bucearla amenazándome con tirarme; no se si apareció, luego nos llevaron al cuartel de la Guardia Civil en la calle Francisco Mariño, y a mi me mandaron para casa por la mañana, mi madre se quedó allí. Se enteraron de la pistola porque a Torres le encontraron la cartuchera en su cuerpo, debajo de la ropa que llevaba. Vi a mi padre por última vez, cuando me llevaron al cuartel con mi madre, por la rejilla de un calabozo y me enseñó su pecho, le habían atizado y duro»
Esa mesma noite do 15 de xullo Pepita Canalejo, amiga da familia e irmá do fundador da Falange coruñesa, presentouse no cuartel, onde preguntou por Alejandro e María. A Guardia Civil deixou marchar a María, pero comunicoulle que Alejandro fora conducido cara o cárcere provincial. Ao preguntar no cárcere por Alejandro, a resposta do diretor a Pepita foi «aquí no llegó, se lo comieron». O 18 de xullo de 1937 apareceu o cadaver de Alejandro na canteira do Matadoiro.
Posteriormente María Seijas foi sometida a un Consello de Guerra polo que foi encadeada e pasou varios meses na prisión provincial, ata que o primeiro de maio de 1938 foi amnistiada xunto a outros “presos gubernativos” con motivo da festividade de fin de ano.