Superposición de capas de información

Partimos da fragmentariedade, de fotografías e recordos atomizados, probablemente de narracións discontinuas e mesmo contradictorias, por iso –e dado que é probable a reiteración dos informantes sobre certos lugares, posto que esta investigación circunscríbese a un só barrio no que os lugares de memoria son previsiblemente exiguos– trataremos os datos e testimonios aportados polos axentes de campo como capas de información e significado sobre un mesmo lugar. Isto permítenos salientar aqueles elementos memorialísticos compartidos por un maior número de informantes e, con iso, os eixos da memoria colectiva sobre ese lugar mediante «un juego especular que pone el acento en la interacción de diversas miradas que se cruzan» (Arias, 2011:183), e que xeran un sentido de lugar.

Por outra banda este cruce de miradas permítenos xerarquizar dalgún modo os lugares de memoria en canto á súa maior ou menor referencialidade, entre aqueles centrais para a memoria e a identidade colectivas do barrio, e aqueles outros máis periféricos e mesmos circunscritos ao ámbito dunha memoria familiar ou persoal concreta. Tamén nos permite explorar as relacións entre os distintos lugares de memoria, averiguar se predomina algún tipo de secuencia ou orde que os conecte, xerando itinerarios.


Arias, D. (2011). El co-relato de la imagen fotográfica: la arqueología visual como metodología en la exploración de la memoria etnohistórica. Quaderns-e, No.16 (1-2). pp. 173-188.