Rúa José Nakens, 3

No número 3 da rúa José Nakens (posteriormente renomeada como C/San José polas autoridades franquistas) ficou, dende os primeiros meses da II República, o Centro Cultural Herculino. Este centro, do que poucos datos conservamos, contou entre os seus membros con destacados militantes anarquistas, como Joaquín Otero, e republicanos socialistas, como o promotor da cooperativa de vivenda obreira do Campo de Marte, Ramón Maseda. Pese ao ambicioso fin desta institución –que definiu os seus obxectivos na revitalización cultural do barrio, a alfabetización dos seus veciños e a promoción das liberdades cívicas– a súa vida foi curta, e no verán de 1935 fechou as súas portas e no seu lugar instalouse o coñecido Cine Hércules.

Pero en paralelo a este novo uso comercial do piso baixo do local, na entreplanta do nº3 da rúa José Nakens continuou a ser un auténtico verxel da actividade política e cultural do barrio, se ben cun perfil máis discreto. Así a mediados de 1935 instalouse alí a loxia Renacimiento Masónico nº18, que á súa vez o cedeu como lugar de reunión á máis politizada Pensamiento y Acción nº11. Esta segunda loxia que fora fundada en xaneiro de 1933, ainda que vinculada ao partido Unión Republicana, contaba nas súas filas con membros da CNT coma José Lanzara García e Manuel Pérez González. O perfil político desta loxia no contexto revolucionario que se estaba a vivir neses anos no Estado español, levou á súa suspensión ao longo de case todo o ano 1935 por parte da Gran Logia Regional (G.L.R.NW.E.) co pretexto da “intrusión de la política dentro del quehacer masónico a raíz de la Revolución de Octubre” (Quiroga Ríos, en Valín Fernández, 1984:232). Foi a tras esta suspensión que Pensamiento y Acción tivo que abandonar o seu templo situado na rúa Socorro, fronte á panadería dos Canalejo, e pasar a reunirse tra-la súa restitución no templo de Renacimiento Masónico.

A estadía de Pensamiento y Acción neste templo favoreceu ademáis a mudanza alí en marzo de 1936 do Ateneo Cultural de La Coruña, anteriormente situado na zona dos Catro Camiños, pois este Ateneo –do que apenas conservamos información– contaba entre os seus membros con destacados masóns, algúns deles, como Jesús Soto, tamén membros da Federación Local Obrera, adscrita á CNT.

Tra-la sublevación militar de xullo do 36 todos os centros e ateneos obreiros foron desmantelados, a maioría dos seus membros tiveron que pasar á clandestinidade, e moitos foron executados polas novas autoridades. As loxias masónicas da cidade foron tamén suprimidas e de pouco lle serviu aos masóns de Pensamiento y Acción a queima de toda-la documentación da loxia, pois moitos deles remataron, como Pepe Miñones, fusilados no Campo da Rata

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *