O conxunto monumental Xérmolos de Paz e Liberdade foi inaugurado o 19 de decembro do ano 2010 na Avenida de Navarra. O monumento foi erixido a iniciativa de Laura Torres e Dolores Ares, filla e neta de José Torres Regueira, e Chema Palacios, neto de Alejandro Basilio Palacios, tras comezar un proceso de averiguación acerca do paradoiro dos restos dos seus familiares.
Os cadáveres de ámbolos dous anarquistas foran levados á fosa común do cemiterio de Santo Amaro tra-lo seu asasinato, a mans da Guardia Civil e os falanxistas, en xullo de 1937. Cando Consuelo Meitín, viuva de José Torres, intentou averiguar onde estaba o cadaver do seu home, as autoridades franquistas ameazárona para disuadila de continuar a búsqueda: «Cuando intentó saber donde estaba se le presentó un día la Guardia Civil en casas diciendo que no siguiera moviendo nada si no quería que le pasara lo mismo a sus hijos. Entonces desde aquella mi abuela ya… el miedo es libre» (Dolores Ares, neta de José e Consuelo). Dende entón, e ata a súa morte no ano 1993, Consuelo gardou silencio sobre aqueles feitos, pero mantivo dúbida acerca do paradoiro do seu marido.
Xa no século XXI Dolores descubriu que os restos do seu avó José descansaban no osario do cemiterio, onde foran trasladados no ano 1947, así como a historia que vinculaba a morte de José coa de Alejandro, polo que contactou coa súa familia Palacios. A través desta unión xurdiu a idea de poñer unhas placas no osario municipal onde figuraran os nomes de José e Alejandro, e as circunstancias da súa morte. Solicitude que fixeron oficial no Concello no ano 2007, pero que foi denegada polas autoridades municipais. Esta negativa foi o impulso para promover un monumento que recollese non só os nomes dos seus avós, senón os de todas as persoas asasinadas polas autoridades golpistas naqueles anos, moitas das cales carecían dunha tumba onde poder acudir a recordalas. Esta iniciativa, que foi posible grazas ao impulso destas familias e á complicidade da CRMHd’AC, materializouna o escultor Valdi. Consta dunha serie de monólitos que con 600 nomes gravados, os cales foron recopilados polo proxecto interuniversitario Nomes e Voces. Con todo, trátase dunha obra aberta, na que se prevé seguir engadindo nomes de represaliados segundo se vaian ampliando as investigacións. O conxunto contén tamén un extracto do poema de Claudio Rodríguez Fer “Paz para sempre”:
Perseguíronos con saña.
Detivéronos con sevicia.
Torturáronos con sadismo.
Encarceráronos sen causa.
Xulgáronos sen xustiza.
Paseáronos sen piedade.Así os mataron.
E impuxeron o terror.
E impuxeron a calumnia.
E impuxeron a falsificación.
E impuxeron a censura.
E impuxeron o silencio.
E impuxeron o esquecemento.
E así trataron de rematalos.
Contra o exterminio atroz
das súas vidas desfeitas
e contra o esquecemento inxusto
do silencio cómplice
queremos manter viva para sempre
a memoria galega
das vítimas do fascismo,
en solidariedade
con todas as comunidades do mundo
que padecesen calquera ditadura do terror.
Porque como aquelas vítimas
queremos liberdade para sempre.
Porque por aquelas vítimas
para sempre queremos xustiza.
Porque a realidade é o desexo
PAZ PARA SEMPRE